O Colectivo de Xubilados/as da CIG de Lugo aborda os retos aos que se enfronta o sistema público de pensións

Luis Burgos foi o encargado de conducir a charla aberta sobre o estado actual das prestacións
Lugo - 01 Dec 2017

O Colectivo de Xubilados/as e Pensionistas da CIG de Lugo abordou nunha charla aberta ao público celebrada onte os retos de futuro aos que se enfronta o sistema público de pensións ante a ofensiva da dereita e do capital. Luis Burgos, do Gabinete Técnico Confederal da central, analizou tamén o estado actual das prestacións tras a reforma imposta polo PP e alertou sobre a nova reforma que se está a tramitar.

Luis Burgos, do Gabinete Técnico Confederal da CIG, foi o encargado de facer unha breve exposición sobre os principais retos aos que se enfronta o sistema público de pensións ante a ofensiva da dereita e do capital.

Burgos explicou que o problema das pensións non é a redución do número de cotizantes á Seguridade Social, senón o reparto da riqueza. “Cartos hai, o que pasa é que están moi mal repartidos”. Tamén incidiu en que ten que ser o Estado o que garanta unhas pensións que se están a converter “nun novo negocio para a banca” e sinalou que precisamente as últimas reformas foron orientadas a que esta función estatal perdese peso.

Foron introducindo un modelo no que son as aportacións á Seguridade Social as que financian as pensións, ademais de poñerlle un tope á súa revalorización e garantir que canto máis tempo vivamos menos imos cobrar”. Neste senso, alertou sobre o futuro das mesmas: “A xente nova ten que ser consciente de que ou cambian as cousas ou van ter unhas pensións de miseria”. Aínda que, segundo denunciou, o 49% das pensións do Estado español xa están por debaixo do umbral da pobreza.

Tamén censurou que nos últimos anos se estea a producir unha “degradación programada” das pensións -“que non deberan ser nunca inferiores ao salario mínimo”-, ao tempo que se potencian os plans de pensións privados -“que desgravan”- e elevaron as reducións e bonificacións ás grandes empresas. As persoas que máis cobran tamén están a ser beneficiadas mediante unha fiscalidade moi baixa, ademais de permitirse unha gran bolsa de fraude fiscal (que os expertos/as cifran en 90.000 millóns de euros).