O colectivo de xubilados/as da CIG mobilízase en defensa das pensións públicas

Demandan a revalorización das pensións consonte o IPC e o incremento das mínimas

Nacional -

O colectivo de xubilados/as e pensionistas da CIG concentrouse este mércores diante das oficinas do INSS de Compostela, Ferrol, Pontevedra, Lugo e Vigo -onde ademais ocuparon o edificio- en defensa do sistema público de pensións e para desmontar a “mentira” de que non é viábel. Xunto a isto denunciaron as consecuencias das reformas, demandaron a revalorización anual das pensións atendendo ás subas do IPC, garantías para a sustentabilidade do sistema público e un incremento das pensións mínimas para que se equiparen, como mínimo, ao Salario Mínimo Interprofesional.

No decurso das mobilizacións, que forman parte da campaña pola recuperación de dereitos laborais e sociais da CIG, o colectivo de pensionistas e xubilados/as repartiu uns panfletos nos que se dá conta da situación real do sistema público de pensións e no que se desmontan as “mentiras oficiais”.

Así denunciaron que todo o debate aberto arredor da viabilidade do sistema responde a un “mandato dos bancos e do capital financeiro” que “o PP obedece”, para promover unha nova reforma que lles facilite “facer negocios coas pensións públicas”.

Xunto a isto aseguraron que o Estado español ten un custe en pensións inferior ao resto da UE, mesmo daqueles que sufriron unha crise máis dura. A modo de exemplo explicaron que “se o Estado español igualara o gasto en pensións con Italia, habería 57.300 millóns de euros máis por ano. Non existiría déficit e sobrarían 34.000 millóns de euros que se poderían usar para mellorar as pensións e mesmo para gardar outra parte no Fondo de Reserva”.

De feito, segundo os seus datos, mentres que o Estado español gasta en pensións o 10,5% do Produto Interior Bruto (PIB), Italia gasta o 15,8%; Grecia un 14,3%; Francia o 13,8% e Portugal o 13%.

Problema de ingresos, non de gastos

Lembraron que no ano 2011, co mesmo número de cotizantes á Seguridade Social que en 2016, a Caixa das pensións tivo un superávit de 2.300 millóns de euros, mentres que o pasado ano rematou con déficit. “As razóns están na precariedade do traballo, con baixos salarios, masivo incremento de contratos por horas en fraude, horas traballadas de máis e non pagadas ou salarios en negro. Todo isto consecuencia das reformas laborais e da negociación colectiva de convenios feitas desde o ano 2010 -primeiro polo PSOE e despois polo PP-, que permiten que, por vez primeira na historia, os convenios baixen os salarios”.

Para demostralo sinalaron que nestes cinco anos o descenso dos salarios foi superior ao 10% e que hoxe, case 6 millóns de traballadores e traballadoras cobran menos  de 655€. Fronte a isto, lembraron que os salarios superiores a 60.000 € subiron máis do 7%. “Mentres os nosos salarios baixaron, no mesmo período en Alemaña subiron o 13%, en Francia o 9%, en Italia o 8,7% e en Portugal o 4,46%”.

Diante desta situación concluíron que “os baixos salarios non crean emprego, deprimen a economía e crean pobreza, por iso con salarios máis baixos temos o triplo de paro que no resto dos países do noso contorno”.

3.000 millóns de euros menos de ingresos

Segundo apuntaron, este descenso dos salarios provocou que se ingresaran cada ano preto de 3.000 millóns de euros menos e que “o que deixa de ingresar a Seguridade Social como consecuencia da fraude na contratación, impago de horas traballadas de máis… estímase que supera os 3.500 millóns de euros cada ano”.

Os salarios máis altos non cotizan

Tamén denunciaron que os salarios máis altos non cotizan á Seguridade Social a partir de 3.751 euros. Un tope que só beneficia aos máis ricos. “O goberno libera aos executivos das empresas, altos cargos da administración, grandes bufetes de avogados que traballan para as empresas deste pago para que poidan contratar as súas pensións privadas”.

Isto, segundo os seus datos, supón que máis de 2 millóns de persoas que están neste caso se beneficien dunha norma que provoca que a Seguridade Social perda, sen esas cotizacións, máis de 7.000 millóns de euros ao ano.

Fiscalidade

A isto engadiron que o Estado deixa de ingresar máis de 4.700 millóns de euros anuais polas desgravacións das pensións privadas, polo que denunciaron que “este goberno utiliza os recursos públicos para favorecer o sistema privado de pensións en beneficio das rendas máis altas e o negocio dos bancos e aseguradoras”.

Desmontando a mentira: “Galiza non é deficitaria en pensións”

Para o colectivo de xubilados/as e pensionistas da CIG unha das grandes mentiras que se intenta vender é que Galiza ten un déficit entre cotizantes e pensionistas. “Galiza ten máis de 300 mil traballadores e traballadoras emigradas no resto do Estado que cotizan para a Seguridade Social nestes lugares, pero os que fan as estatísticas ignoran a mantenta este feito, para que creamos que nos están subsidiando”.

Empobrecemento das pensións e dificultade de acceso

Coas reformas dos gobernos do PSOE e do PP, nos anos 1997 e 2011, dificultouse cada vez máis o acceso ás pensións contributivas, rebaixáronse as das/os que acceden a elas e retrasouse a idade efectiva de xubilación. Xunto a isto, desde o ano 2013, a maioría absoluta do PP decidiu suprimir a actualización das pensións, que se viña facendo en función da desviación do IPC, e fixouse como tope o incremento do 0,25%, provocando deste xeito o empobrecemento das/os pensionistas. “Esta mesma pretensión tena o denominado factor de sustentabilidade, aplicábel a partir do 2019, que vai minguar aínda máis os ingresos ao quedaren vinculados en función do incremento da esperanza de vida”, advertiron.

Ademais alertaron de que a través do Pacto de Toledo preténdense introducir novas reformas no sistema de pensións guiadas, unha vez máis, pola política dos recortes en gasto público. Por iso exixiron a derrogación das contrarreformas que reduciron o acceso e as prestacións das pensións.

Entre as súas demandas máis urxentes subliñaron a necesidade de que se garanta a estabilidade e a suficiencia económica do sistema público para que todas as persoas poidan satisfacer con dignidade as súas necesidades, loitando contra a fraude fiscal; establecendo unha auténtica progresividade nos impostos; eliminando os topes máximos de cotización e fixando límites nas prestacións, entre outras. Xunto a isto exixiron a revalorización anual acorde co IPC e o incremento das mínimas, equiparándoas ao SMI, ademais da supresión do repagamento dos medicamentos para as/os pensionistas.

Volver