O colectivo de pensionistas da CIG demanda que se revaloricen as pensións e incrementar as mínimas

Convoca mobilizacións este mércores día 5 en Vigo, Ferrol, Santiago, Pontevedra e Lugo
Nacional - 03 Abr 2017

O colectivo de xubilados/as e pensionistas da CIG convoca concentracións para o vindeiro mércores, día 5 de abril, para denunciar as consecuencias das reformas dos gobernos do PSOE e do PP, nos anos 1997 e 2011, reclamar a revalorización anual das pensións consonte o IPC; garantías para a sustentabilidade do sistema público e exixir un incremento das mínimas, equiparándoas, polo menos, ao importe do SMI.

As mobilizacións, que se insiren na campaña pola recuperación de dereitos laborais e sociais que desenvolve a CIG desde o pasado mes de decembro, terán lugar ás 11:00 horas diante das oficinas do INSS en Vigo, Santiago, Ferrol e Pontevedra. En Lugo está prevista para as 12:00 horas, tamén diante do INSS.

O colectivo de xubilados/as e pensionistas denuncia que coas reformas dificultouse cada vez máis o acceso ás pensións contributivas, rebaixáronse as das/os que acceden a elas e retrasouse a idade efectiva de xubilación.

Xunto a isto denuncian que desde o ano 2013, a maioría absoluta do PP decidiu suprimir a actualización das pensións que se viña facendo en función da desviación do IPC e fixando como tope o incremento do 0,25%, provocando deste xeito o empobrecemento das/os pensionistas. “Esta mesma pretensión tena o denominado factor de sustentabilidade, aplicábel a partir do 2019, que vai minguar aínda máis os ingresos ao quedaren vinculados en función do incremento da esperanza de vida”, advirten.

Ademais alertan de que a través do Pacto de Toledo preténdense introducir novas reformas no sistema de pensións guiadas, unha vez máis, pola política dos recortes en gasto público. Por iso exixen a derrogación das contrarreformas que reduciron o acceso e as prestacións das pensións.

Demandan garantía da estabilidade e da suficiencia económica do sistema público para que todas as persoas poidan satisfacer con dignidade as súas necesidades, loitando contra a fraude fiscal; establecendo unha auténtica progresividade nos impostos; eliminando os topes máximos de cotización e fixando límites nas prestacións, entre outras.

Xunto a isto e a exixencia da revalorización anual acorde co IPC e o incremento das mínimas, equiparándoas ao SMI exixen tamén a supresión do repagamento dos medicamentos para as/os pensionistas.