O CHUS pechará este verán 172 camas para non contratar persoal

Convocada concentración 23 de maio ás 12:30h no Hospital de Conxo
Compostela - 18 Mai 2018

A Comisión de Centro do CHUS vén de denunciar que, segundo os datos comunicados pola Xerencia, no Complexo Hospitalario Universitario de Compostela pecharán, este verán, este verán un total de 172 camas, das cales 112 corresponden ao Hospital de Conxo; 18 ao Hospital Clínico e as 42 restantes ao Hospital Gil Casares. Alerta do incremento das listas de agarda e da saturación de Urxencias que provocará e convoca, ante isto, a traballadores/as e usuarios/as a unha concentración, no Hospital de Conxo, para o vindeiro mércores día 22, ás 12:30 horas.

A Comisión de Centro explica que para a Xerencia esta planificación en época estival xustifícase nos menores índices de ocupación hospitalaria por unha “redución estacional de patoloxías e a correlativa redución de ingresos por enfermidade” e para concentrar “a maior parte das vacacións do persoal facultativo” para os que di que non ten substitutos, “cando se se fixeran contratos estables non se terían que emigrar para outras comunidades”.

En base a isto denuncia que a Xerencia, “segue a interpretar a leis como boamente lle convén” e que, nesa liña, limítanse unicamente a entender que o traballo que teñen que facer para a “implementación de medidas a seguir para asegurar unha prestación universal de calidade, que contribúa a sostibilidade do Sistema de Saúde” é pechar unidades e non contratar persoal das listaxes porque xa dispoñen do cadro de persoal das unidades que pechan.

Incremento das listas de agarda

A Comisión de Centro advirte que, como consecuencia disto, un ano máis as axendas de consultas por enfermidade estarán pechadas até o remate das vacacións, aumentando as listas de espera daquelas especialidades que se ven afectadas polo peche de camas (dermatoloxía, cirurxía xeral e dixestiva, oftalmoloxía, uroloxía, e traumatoloxía), co argumento de que no verán baixa o número de doentes.

Fronte a isto, asegura que ano tras ano “podemos ver o colapso que isto provoca no Servizo de Urxencias, con máis de 20 e 30 pacientes pendentes de ingreso e con esperas de até 3 días por unha cama, e/ou a derivación a centros privados”.

Por iso denuncia o que considera unha “nova agresión”, que incrementa o deterioro da Sanidade Pública co único obxectivo de aforrar recursos públicos a custo de reducir prestacións sanitarias.

Carente de lóxica ‘asistencial’

O peche de servizos sanitarios carece, segundo a Comisión de Centro, “de toda lóxica asistencial”, porque xera un medre das listas de agarda (cirurxías, probas diagnósticas...) ao tempo que xera un incremento das listas do paro respondendo unicamente a criterios economicistas.

“Isto á xerencia dálle igual”, explica, porque “o obxectivo é pechar camas para non contratar persoal, non hai ningún outro argumento que xustifique estes peches”.

Por iso acusan ao SERGAS e, nomeadamente a Xerencia do CHUS de “condenar aos cidadáns a non ter unha asistencia digna pola redución das prestacións sanitarias, e condenar ó mesmo tempo ao paro, a un gran número de traballadores”.