O centro sanitario Foltra despide o 40% do persoal “tras unha xestión nefasta”

A CIG-Saúde denuncia que a empresa dá a entender que financiou obra social mentres non pagaba salarios

Santiago -

O centro sanitario privado santiagués Foltra vén de presentar un ERE para o 40% do seu cadro de persoal “tras unha xestión nefasta”, tal e como sinalan dende a CIG-Saúde de Compostela. De feito, denuncian que a empresa dá a entender que financiou a obra social da súa Fundación, que atende a persoas con dano neurolóxico, a custa dos salarios dos empregados/as.

Segundo explican dende a federación de Saúde da CIG de Compostela, logo dunha nefasta xestión, Foltra presentou un ERE extintivo e un preconcurso de acredores “tras chegar a ter unha lista de espera de centos de persoas”. Neste senso, sinalan que a Fundación afirma que estivo autorizando, sen concretar os criterios, que non se cobrasen os tratamentos ao mesmo tempo que atrasaba e impagaba os salarios dos empregados/as.

Isto supuxo que na práctica estivese a financiar a súa obra social a custa dos soldos dos traballadores/as. Ademais, acusan a empresa de facer desaparecer áreas completas para lograr o despedimento de representantes sindicais, algo que finalmente conseguiu xa que entre o persoal despedido atópanse os dous delegados/as da CIG.

Volver