O camiño para termos emprego, industria, salarios e pensións dignas é a mobilización
A CIG iniciou decembro cunha xornada de mobilizacións en todas as comarcas na defensa do emprego e da industria, por uns salarios e pensións dignas e para esixir a derrogación das reformas antiobreiras. Un mes no que, valorou o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, se concentran toda unha serie reformas lexislativas que “temos que denunciar e combater dende a mobilización, mais tamén debemos evidenciar que existen políticas alternativas para camiñar cara a unha saída galega xusta da crise”.
Neste senso, denunciou que nin os Orzamentos do Estado nin os da Xunta conteñen ningunha das medidas necesarias para afrontar esta profunda crise “que avanza cada día con máis nefastas consecuencias”.
Reformas regresivas
As mobilizacións realizáronse na véspera da aprobación no Congreso da nova lei das pensións “que nin derroga, nin corrixe as reformas de 2011 e 2013” e aínda por enriba mantén a penalización á xubilación anticipada, atrasando deste xeito máis a idade real de xubilación e fomentando a prolongación da vida laboral; mantén o período de cálculo aos 25 anos pero coa ameaza de amplialo aos 35 anos; e non garante o cumprimento da Carta Social Europea para que as pensións mínimas sexan cando menos equivalentes ao 60% salario medio do Estado.
No actual contexto, Carril criticou que a única preocupación dos gobernos sexa satisfacer as duras medidas esixidas pola UE para poder acceder aos fondos europeos “porque nin se derroga a reforma laboral, nin hai vontade de facelo, mentres a crise avanza destruíndo emprego e empobrecendo os salarios”.
Apuntou á elevadísima inflación debido en gran medida ao alto prezo da electricidade e dos combustíbeis, pero que se traduce tamén nun maior custe dos alimentos e dos produtos de consumo básicos, sen que haxa un incremento dos salarios acorde “para poder garantir o dereito a unha vida digna”.
Toda esta realidade, engadiu, dáse nun momento no que se intensifican as ameazas á continuidade dos empregos e da industria, ben sexa a conta dos procesos de dixitalización ou descarbonización da economía, a sucesión de ERTE motivados pola pandemia e agora tamén pola falta de compoñentes básicos para a fabricación, “mais sempre en perigo constante pola ausencia por parte dos gobernos dun verdadeiro plan galego de recuperación económica, industrialización e creación de emprego digno”.
A farsa do diálogo social
Ante esta grave situación social, resulta “lamentábel” que o diálogo social se converta na vía a través da que se están impoñendo e avalando todas estas duras medidas, “mentres a clase traballadora e o pobo galego camiñamos á ruína se non somos quen de evitalas”.
Paulo Carril definiu o diálogo social como “ese gran enterrador de dereitos” fronte ao que chamou a intensificar a mobilización nas rúas e nos centros de traballo porque “este é o único camiño para cambiar as políticas dos gobernos e para que a negociación colectiva signifique unha restitución e recuperación de dereitos e do poder adquisitivo dos salarios”.
Considera “inxustificábel” a renuncia expresa do PSOE e UP a cumprir co seu compromiso programático de goberno e o papel seguidista de UGT e CCOO “para que a reivindicación unánime a prol da derrogación da reforma laboral sexa unha realidade”. “O que determina as políticas de esquerda son os feitos e as decisións, non as proclamas”, afirmou.
Advirte que, todo indica que os aspectos máis lesivos seguirán contemplándose na futura normativa, e nin se van restituír na súa totalidade os dereitos roubados nin se afrontan novas regulacións que recoñezan dereitos para a clase traballadora, “quedando máis unha vez a mercé do capital e da gran patronal que si se recupera, mentres nós perdemos dereitos”.