O anuncio de paros logra sentar na mesa á dirección de Vitrasa

A asemblea realizada o pasado domingo dera un ultimato até o venres para iniciar negociacións
Vigo - 01 Out 2018

O ultimato dado polo persoal de Vitrasa á dirección tras a asemblea do domingo vén de surtir efecto, conseguindo que a empresa convoque ao comité para este martes 2 de outubro ás 10 horas nas dependencias da concesionaria do transporte público de Vigo. Desde a representación social apuntan, en todo caso, que se mantén o venres como data tope para chegar a algún tipo de acordo antes de convocar paros parciais.

Máis dun mes despois do emprazamento público para solucionar a degradación das condicións de traballo e as irregularidades na contratación, a dirección de Vitrasa convocou por fin ao comité de empresa a unha xuntanza.

A misiva chega tras a decisión tomada pola asemblea de traballadores/as do pasado domingo, na que resolveran cun 70% de apoio a convocatoria de paros parciais os martes e xoves a partir de mediados de outubro, sen descartar a ampliación, no caso de que a empresa mantivese a súa negativa ao diálogo. 

pelota segue, de momento, no tellado de Vitrasa”, sinalou Imanol Arnoso, presidente do comité de empresa.

 Así e todo, e en cumprimento do mandado asemblear, o prazo que expiraba este venres 5 de outubro mantense co albo posto na consecución dun acordo que, en caso contrario, suporía a convocatoria dos paros. O comité pretende esgotar todas as vías de diálogo para evitar tomar unha medida drástica que afectaría o servizo público de transporte urbano. “A pelota segue, de momento, no tellado de Vitrasa”, sinalou Imanol Arnoso, presidente do comité de empresa.

Lembran a urxencia en resolver os incumprimentos en eventualidade, subrogación, plan de iguladade, condicións diarias de traballo, horarios de percorrido, uniformidade, horas extra, cámaras de videovixiancia ou baños, entre outras.

Desde o órgano de representación dos traballadores/as, lembran, así mesmo, que o Concello de Vigo non se pronunciou sobre a solicitude de mediación no conflito, cuestión que cualifican de “completa irresponsabilidade” xa que se isto non se soluciona “acabará por pagalo a veciñanza”.