O ano da Gran Muralla

Ignacio Ramonet -

A “Gran Muralla” de Donald Trump haina que entender tamén en sentido metafórico, pois significa, así mesmo, unha barreira de aranceis para dificultar o acceso de produtos estranxeiros ao mercado interior

É posíbel que 2017 sexa lembrado na historia como o ano da Gran Muralla. Por que? Porque Donald Trump, o novo presidente de Estados Unidos, está decidido a edificar unha monumental barreira de protección na fronteira con México para impedir, segundo el, a “invasión” dos inmigrantes ilegais vidos do “perigoso Sur”...

 Ao mandatario estadounidense, alguén debería recordarlle o que a Historia precisamente aprende: que case nunca esas ciclópeas fortificacións detiveron nada. Non construíron logo os chineses, na antigüidade, a impresionante Gran Muralla para deter os mongois? Non elevou o Imperio romano, no norte de Inglaterra, o colosal Muro de Adriano para rexeitar os bárbaros de Escocia? É coñecido, en ambos os exemplos históricos, que os xigantescos valados fracasaron. Os mongois pasaron, e tamén os manchús, e os caledonianos... Como seguirán pasando, cara a Estados Unidos, os mexicanos, os centroamericanos, os caribeños, os musulmáns... Na eterna dialéctica militar do escudo e a espada, a resposta á Gran Muralla de Donald Trump serán os miles de túneles subterráneos que probabelmente os parias da terra xa están perforando?

 Mais é que, ademais, xorde outra contradición. Por unha banda está o anunciado Plan de investimentos de Trump dun “millón de millóns de dólares” en obras públicas para reconstruír, como nun novo New Deal, as infraestructuras, aeroportos, estradas, pontes e túneles en todo o país. O cal debe relanzar a actividade económica, o crecemento e, sobre todo, crear millóns de empregos. Pero, por outra banda, xa hai pleno emprego en Estados Unidos... Baixo o presidente Barack Obama creáronse doce millóns de postos de traballo (1). O paradoxo é que, en realidade, fai falta man de obra... E faltará aínda máis se Donald Trump expulsa, como prometeu, a once millóns de traballadores inmigrantes ilegais... Quen construirá a Gran Muralla, as pontes, as estradas e os túneles?

 Outro problema: as estatísticas oficiais estadounidenses sinalan que o índice de xubilados por traballadores activos non cesa de aumentar. Ou sexa, como en todas as sociedades desenvolvidas, o número de persoas da terceira idade crece máis rápido que o de xente nova. Consecuencia: as cinco primeiras ocupacións que ofrecerán máis emprego na próxima década son as seguintes: axudantes de coidado persoal, enfermeiros, axudantes do fogar e auxiliares sanitarios, traballadores do sector da comida rápida e vendedores en comercios polo miúdo. Todas actividades duras e mal pagas, traballos clásicos dos inmigrantes. Se se ergue a “Gran Muralla” en Estados Unidos, quen os exercerá?

 Outro aspecto do problema: as migracións nunca se realizan por capricho. Son o resultado de guerras ou conflitos, de desastres climáticos (secas), da demografía, da urbanización acelerada do Sur, da explotación, da mutación económica (diminución do campesinñdo), dos saltos tecnolóxicos e dos choques culturais. Feitos sociolóxicos que están empurrando a xente dos países pobres -sobre todo os máis novos- a emigrar en busca de mellor vida. Feitos que están por riba do control de calquera político e que un Muro pode quizais frear, pero non poderá deter nin esvaer.

 Ademais, se Donald Trump está obsesionado cos inmigrantes latinos, que vaia preparándose para as outras “invasións” que veñen. A África subsahariana, por exemplo, contaba no ano 2000 con 45 millóns de persoas de entre 25 e 29 anos, que é a idade na que máis se emigra. Hoxe os subsaharianos desa idade xa son 75 millóns e, en 2030, serán 113 millóns... O Banco Africano de Desenvolvemento estima que, dos 12 millóns de subsaharianos que ingresan cada ano na forza laboral, apenas 3 millóns atopan emprego formal. O resto -ou sexa, 9 millóns de mozos cada ano...- constitúe unha reserva cada vez maior de migrantes potenciais... Na India, cada mes, un millón de mozos cumpren 18 anos e moitos soñan con emigrar (2)...

 Aínda que a “Gran Muralla” de Donald Trump haina que entender tamén en sentido metafórico, pois significa, así mesmo, unha barreira de aranceis para dificultar o acceso de produtos estranxeiros ao mercado interior: con taxas anunciadas do 45% sobre as importacións provenientes de China e do 35% para as de México... Ou sexa, proteccionismo comercial duro, que foi un dos eixes centrais da campaña electoral. E que é o verdadeiro significado da elección do novo Presidente de Estados Unidos, quen arrincou a súa primeira semana no poder cun xesto cara aos votantes da clase obreira que o axudaron a gañar o 8 de novembro pasado e que se senten prexudicados polas deslocalizacións industriais. Trump cumpriu a súa promesa e asinou un decreto para retirar a Estados Unidos do Acordo Transpacífico de Cooperación Económica (TTP, Trans-Pacific Partnership), un acordo con once países da conca do Pacífico promovido por Barack Obama. Tamén anunciou que renegociará o tratado de libre comercio con México e Canadá (NAFTA, polas súas siglas en inglés) (3).

 Todo iso significa unha derrota da globalización neoliberal, do libre mercado e das deslocalizacións. Abonda con ver, sobre este tema, a perrencha interminábel e o encubaxamento permanente contra Donald Trump de todos os partidarios do ultraliberalismo. Empezando polos grandes medios de comunicación dominantes, que agora arremeten a treu -cousa inaudita- contra o propio presidente de Estados Unidos coma se de Chávez se tratar. Léase, por exemplo, en España, a incontrolábel carraxe anti-Trump do neoliberalísimo xornal El País.

 Neste ano no que se celebra o centenario da revolución bolchevique de outubro 1917, o “gran abalo” que Donald Trump está imprimindo nos asuntos internos estadounidenses e na xeopolítica internacional non deixa, pois, de estremecer a mundo. Nalgunhas cousas para ben, en moitas outras para mal.

__________________________________________________________________________

(1) O presidente Obama deixou unha taxa de paro do 4,7%, un nivel próximo ao pleno emprego.

(2) Todas as estatísticas proveñen do semanario The Economist, número especial “The World in 2017”, Londres, decembro de 2016.

(3) O NAFTA, que une Canadá, Estados Unidos e México nunha soa área comercial, aprobouse en 1994 sendo presidente de Estados Unidos o demócrata Bill Clinton, esposo de Hillary Clinton. Donald Trump afirmou que non se retirará do acordo, polo de agora, senón que o quere renegociar.

__________________________________________________________________________

 

[Artigo tirado do sitio web de Le Monde Diplomatique, núm. de febreiro de 2017]

 

Volver