O 97% do persoal de Extel secunda a folga contra a brutal modificación das condicións laborais

Realizaron unha estrondosa concentración ás portas da empresa na Coruña

A Coruña -

As traballadoras e traballadores de Extel realizaron este xoves unha estrondosa concentración (armados de chifres e potas), en resposta á modificación substancial das condicións laborais que pretende impor a dirección. A protesta, no marco dunha xornada de folga de 24 horas que rexistra un seguimento de arredor do 97% na plataforma da Coruña, foi convocada pola CIG na Galiza e a CGT a nivel estatal. Á xornada de loita finalmente tamén se sumaron as centrais UGT e CCOO.

A mobilización ten lugar un día despois da terceira reunión en Madrid do período de consultas, na que a empresa continúa inmóbil nas súas pretensións, "sen baixarse de ningunha das súas medidas, alegando que son necesarias para manter o emprego, que seica agora é a prioridade da empresa", denuncia a Sección Sindical da CIG.

A representación da CIG demanda que reduza o número de afectadas/os "por é posíbel" e engaden que, de ter vontade, a empresa podería buscar alternativas sen tomar medidas tan drásticas, que suporán afondar na precariedade laboral que padecen as traballadoras e traballadores dos centros de chamadas.

Así mesmo, dende a representación social demandouse a presenza na mesa dalgunha persoa con responsabilidade en Telefónica-Movistar, ao obxectivo de ofrecer explicacións sobre a comunicación do novo horario de atención e o motivo polo que non se poden abrir as aplicacións fóra dese horario. "Pero semella que para a empresa unha carta sen explicar motivos parece máis que suficiente".

Ante o inmobilismo de Extel e a negativa a estudar propostas alternativas, dende a Sección Sindical da CIG reiteran que "non imos consentir que destrúan as nosas vidas con reducións de xornada, quendas que impiden a conciliación laboral e persoal, perdas brutais de salario e que nos impoñan unhas condicións noxentas de traballo".

Neste senso, lembran que tal e como formula a empresa a súa proposta, moitas das persoas afectadas veríanse na obriga de ter que abandonar o seu emprego por non poder conciliar, ou ben porque coas reducións de xornada e os cambios nas quendas os salarios quedarían tan cativos que "non dan para vivir".
O período de consultas remata o vindeiro xoves, 25 de abril, e o persoal xa está estudando as novas mobilizacións a levar adiante.

Volver