O 8 de Marzo non é unha festa

Silvia Delgado -

A situación da muller no mundo enteiro paréceme suficiente razón para me poñer seria e erguer o puño, non para levantar as mans moradas

Non irei á folga o 8 de marzo en ton festivo.

 

Non irei cun tambor, nin globos, nin cantarei cancións cativantes, nin abrazarei as miñas irmás coma se fose vitoria saír a reivindicármonos.

 

Tomo en serio isto.

 

Os asasinatos non me dan risa.

 

As violacións tampouco.

 

A explotación laboral non me dá alegría.

 

A situación da muller no mundo enteiro paréceme suficiente razón para me poñer seria e erguer o puño, non para levantar as mans moradas.

 

Deume vergoña allea a exhibición de abanicos vermellos na gala dos Goya.

 

Avergóñame sentir a mulleres falar de feminismo encorsetadas nun Chanel.

 

Son muller pero sobre todo son muller traballadora.

 

Tanto me ten o que faga Arrimadas. Ela representa unha clase que é a miña inimiga.

 

E non desexo que estea no meu mesmo lado, nin sequera este día. Para nada.

 

Irei para lembrar que aínda hoxe se bate en nós na casa e na rúa.

 

Irei para lembrar que se nos mata, que se nos acosa, que se nos humilla, que nos quitan os fillos ou nos obrigan a alugar as tripas para fabricar nenos que serán doutros só porque pagan en man.

 

Irei para lembrar que somos a metade e por iso mesmo as máis pobres do planeta, que traballamos por unha esmola, que sostemos os nosos fogares, que coidamos dos nosos enfermos, que nos tratan como obxectos.

 

Que os traballos máis precarios os realizan mulleres, cargando peso como mulas, nas maquilas, na prostitución, no agro, nas cidades.

 

Non irei a pasalo ben.

 

Irei para lembrar que sen conciencia de clase o patriarcado gáñanos por goleada.

 

Se a morte ten nome de muller, débeo ter tamén a rabia.

 

[Artigo tirado do sitio web Kaos en la Red, do 8 de febreiro de 2018]

Volver