O 100% do persoal de Bershka en Pontevedra para no segundo día de folga
O 100% do cadro de persoal de Bershka na provincia de Pontevedra, integrado por unhas 65 traballadoras/es, secundou a segunda xornada da folga indefinida convocada contra a discriminación laboral na empresa pertencente ao grupo téxtil Inditex. Ao igual que no día de onte, grupos de empregadas/es concentráronse dende primeira hora diante das cinco tendas que a marca ten na provincia (Vigo, Pontevedra e Vilagarcía), que ao igual que no día de onte non abriron as súas portas.
Segundo explican dende a CIG-Servizos, o paro continuará nos vindeiros días xa que a dirección se nega polo de agora a sentarse a negociar as diferentes condicións de traballo existentes entre o persoal das distintas provincias galegas.
En concreto, trátase de aspectos referentes á xornada laboral, pluses e retribucións, permisos e excedencias, lactancia, vacacións e incapacidade permanente.
As traballadoras/es da provincia de Pontevedra pretenden que se lles apliquen as melloras logradas en provincias como a da Coruña, o que permitiría rematar coa discriminación laboral tanto entre as distintas marcas do grupo téxtil (Bershka e Kiddy's Class de Pontevedra foron as únicas que se negaron a pactar as melloras) como entre as empregadas/as fixas/os e eventuais.