Novos días de folga por un convenio digno na empresa de automoción ourensá UNVI
O comité da empresa de UNVI vén de anunciar a convocatoria de novas xornadas de folga os días 15, 21, 22, 28 e 29 de xaneiro para reclamar un convenio colectivo digno tras a proposta regresiva achegada pola dirección da compañía ourensá do sector da automoción do Grupo Pérez Rumbao. Para este xoves día 8 hai convocada unha manifestación polas rúas da cidade que arrincará da Casa Sindical ás 19:30 horas e que rematará na Subdelegación do Goberno.
O secretario comarcal da CIG-Industria de Ourense, Indalecio Gómez, explicou que UNVI -con sede no polígono de San Cibrao e que fabrica autobuses- pretende asinar un convenio colectivo para o ano 2026 que contemple un 20% de desregulación de xornada e unha bolsa de 80 horas extraordinarias cuxo uso quedaría en mans da empresa, ademais de modificar o réxime sancionador interno para facelo “moito máis represivo e arbitrario”.
Ademais, propón unha suba salarial do 3,5% e unha redución de oito horas na xornada anual. “De pouco vale esta redución do tempo de traballo, se despois a empresa desregula totalmente a xornada”, denuncia o responsábel sindical.
Polo que o comité (4 representantes da CIG, 3 da CUT e 2 da UGT) apostou por unha dinámica mobilizadora que se iniciou cunha xornada de folga e manifestación a finais de novembro e que continuou en decembro con novos paros e protestas nas rúa.
A medidas de presión serviron até o de agora para forzar a compañía a dar marcha atrás na súa pretensión de modificar o calendario laboral para impedir que o cadro de persoal, integrado por unhas 150 persoas repartidas en dous centros de traballo, puidese gozar de tres semanas de vacacións no mes de agosto.