Novo convenio colectivo na industria do siderometal da provincia de Ourense
A asemblea de traballadores/as do siderometal da provincia de Ourense aceptou o pasado 17 de novembro o preacordo de convenio colectivo pactado entre as centrais sindicais e a patronal do sector, poñendo fin a case dúas semanas de folga indefinida. As partes asinaron unha suba salarial do 5% para este ano, con carácter retroactivo dende xaneiro; do 5,5% para 2023; e do 4,5% para 2024.
Estableceuse ademais unha cláusula de revisión salarial con actualización de táboas a xaneiro de 2025, cun tope do 18%. Ao mesmo tempo, reduciuse a xornada de traballo anual nun día, que ficará consolidado en 2023, quedando a xornada anual en 1776 horas; e noutros dous días non consolidábeis, un en 2023 e outro en 2024.
En virtude do pacto quedou desconvocada a folga indefinida que se iniciara o día 5, así como as mobilizacións previstas para presionar ao empresariado, que mantivo unha actitude inmobilista durante todo o conflito.
Dende o inicio das negociacións os traballadores/as protagonizaron numerosas protestas, boa parte delas convocadas en solitario pola CIG, mais non foi até bastante tempo despois que CCOO e UGT decidiron sumarse e covocar unha folga indefinida xunto á central nacionalista, a primeira conxunta no sector dende hai 22 anos.