Novas xornadas de folga de 24 horas no transporte urbano de Vigo para reclamar a negociación do convenio

Terán lugar este venres 20 de outubro e o mércores 1 de novembro. Este venres hai convocada unha manifestación dende os Choróns ás 19:00
Vigo - 17 Out 2023

O cadro de persoal de Vitrasa, concesionaria do servizo de transporte urbano do Concello de Vigo, desenvolverá novas xornadas de folga de 24 horas os próximos días 20 de outubro e 1 de novembro para reclamar a negociación do convenio colectivo. Coincidindo co paro deste venres ten convocada ademais unha manifestación con saída de Praza América ás 09:00 horas e outra dende o cruzamento dos Choróns ás 19:00.

Dende a representación sindical lembran que tras 31 días de mobilizacións ininterrompidas (que se iniciaron hai xa máis de dous anos), Vitrasa négase a negociar un novo convenio que poña fin ao conflito “aludindo a importantes perdas económicas e á falta dun reequilibrio económico por parte do Goberno local”.

Neste senso, sinalan que a disputa que manteñen a empresa e o Concello dende hai anos por este reequilibrio é consecuencia da falta de previsión na prórroga da concesión asinada por ambas as partes “de forma precipitada e temeraria”. Así, consideran que este erro é a orixe dun conflito que parece non ter fin e que causa graves prexuízos a persoas usuarias e traballadoras.

“Excluíndo o apartado económico, observamos unha complicidade entre ambas as entidades, xa que o Goberno local permítelle á empresa incumprir o prego de condicións: eliminando liñas (C2, N2, PMR), reducindo frecuencias (realizando menos quilómetros nas liñas C3, L4, L5, L24, L16, L11, L15 e L27), non renovando a frota tal e como se acordou, excedendo a antigüidade máxima establecida dos autobuses, etc.” De xeito que lle facilita “un gran aforro” nos custes da explotación.

Ademais, os servizos mínimos que impón o Concello, tanto nos paros que o persoal está a desenvolver a diario como nas xornadas de folga, penaliza as liñas deficitarias, mantendo as máis rendíbeis na súa práctica totalidade. “Isto crea unha situación ideal para Vitrasa que a empresa non dubida en manter no tempo, xa que ao haber menos autobuses os que hai énchense, aumentando a súa rendibilidade”.

Por todo isto, no comité sospeitan que na próxima concesión, co fin de ofrecer unha rendibilidade que interese ás empresas concursantes, o servizo do transporte urbano sufrirá unha importante redución que afectará especialmente a liñas e horarios deficitarios. Finalmente, instan a compañía e o Concello a pronunciarse “de forma clara” sobre a situación actual, “xa que nos parece insostíbel para a cidadanía”.