Protestas no Sergas para esixir a recuperación dos dereitos suspendidos

Os días 2 e 3 de novembro está convocada folga xeral na sanidade pública galega

Nacional -

Traballadores/as e delegados/as sindicais da sanidade pública galega volveron este mércores ás rúas para esixir á Consellaría que sente negociar a recuperación dos acordos retributivos e o desenvolvemento da carreira profesional, así como para esixir a retirada da reforma da Lei de Saúde. A protesta enmárcase nas accións previas á convocatoria de folga xeral no Sergas os vindeiros días 2 e 3 de novembro. A representación dos empregados/as públicos/as logrou arrincar o compromiso dunha xuntanza co departamento autonómico, que terá lugar o venres, tras ocupar simbolicamente o edificio do Sergas en Vigo.

No caso de Vigo, a acción reivindicativa, na que participou a secretaria nacional da CIG-Saúde, María Xosé Abuín, consistiu na ocupación simbólica do edificio administrativo do Sergas, situado na rúa García Barbón, 51, onde a representación dos traballadores/as accedeu ao interior do inmoble e despregou unha faixa por unha das fiestras anunciando as dúas xornadas de folga dos vindeiros días 2 e 3 de novembro. 

Unha vez no sexto andar, onde se ubica a Dirección de Recursos Humanos da Estrutura Organizativa de Xestión Integrada (EOXI) de Vigo, solicitaron unha xuntanza coa súa responsábel para reclamarlle a convocatoria dunha reunión coa Consellaría de Sanidade.

Segundo confirman dende a CIG-Saúde, o encontro con responsábeis do departamento autonómico terá lugar este mesmo venres en Santiago. A continuación, por volta das 13:30 horas, abandonaron o edificio, no que permaneceron por espazo dunha hora berrando consignas a prol da recuperación de dereitos e da folga prevista para o mes que vén.

Previamente á ocupación do inmoble, arredor das 11:00 horas, un grupo de traballadores/as e delegados/as sindicais da sanidade desenvolveran unha concnetración ás portas do hospital Nicolás Peña.

Sen partida orzamentaria

Dende a federación sinalan que na reunión celebrada o pasado xoves coa administración, a directora de Recurso Humanos do Sergas ofreceu negociar coas organizacións sindicais temas que non comporten incrementos retributivos, tales como a permisos e licencias, que até agora a Consellaría tamén se negaba a negociar. "Mais iso si, apuntan, sempre que non reclamemos que os días 24 e 31 de decembro teñan a consideración de festivo como no resto da Xunta de Galiza".

Porén, da recuperación dos acordos retributivos (asinados en 2008 e suspendidos tras a chegada do PP ao Goberno da Xunta) "non queren falar. Non hai partida orzamentaria no ano 2018, e nos sucesivos xa se verá", denuncia CIG-Saúde.

En canto ao desenvolvemento da carreira profesional (recollida no Estatuto Marco desde o ano 2003 e tamén suspendida), dende a Consellaría limítanse a falar das bases da carreira ordinaria. "Só ofrecen negociar as bases e con posterioridade, se procede, facer un recoñecemento administrativo do grao de carreira; pero sen recoñecemento económico", explican.

É dicir, a Consellaría estaría disposta a negociar a carreira "pero sen aclarar cando se vai a cobrar, canto se vai cobrar por cada grao de carreira, que antigüidade que se vai solicitar para acceder a cada grao, ou sequera se afectará a todo o persoal".

CIG-Saúde subliña que o persoal do Sergas, non só ten os peores salarios que o resto de servizos de saúde do Estado, senón tamén do conxunto de empregados/as da Xunta de Galiza. Xunto a isto, denuncian a precariedade laboral que existe na sanidade pública galega, esixindo que se remate coa contratación fraudulenta en acúmulos de tarefas e os contratos de media xornada para cubrir xornadas completas, consolidar as prazas vacantes no sistema e convocar as prazas a oposición. Cuestións básicas, sinalan, para conseguir empregos dignos e unha sanidade de calidade.

Retirada da modificación da Lei de Saúde

A Federación de Saúde da CIG demanda tamén a retirada inmediata do anteproxecto de modificación de Lei de Saúde de Galiza, que contempla a supresión das áreas da Mariña, Monforte, o Barco e o Salnés, coa conseguinte centralización dos servizos e o seu afastamento dos usuarios e usuarias.

A Lei Xeral de Sanidade recolle que as áreas sanitarias se delimitarán tendo en conta factores xeográficos, socioeconómicos, demográficos, laborais, epidemiolóxicos, culturais, climatolóxicos e de dotación de vías de comunicación. "Pero Feijoo e o PP, con este anteproxecto, están a facer xustamente o contrario, só teñen en conta criterios economicistas e de negocio para elaborar o seu mapa sanitario", sentencian.

Volver