Nova xornada de mobilizacións contra a parálise na negociación do convenio dos centros de chamadas

Logo de 16 meses non se produciron avances por mor do bloqueo patronal
A Coruña - 06 Mai 2016
A CIG realizou este venres unha nova xornada de mobilizacións contra a parálise que sufre a negociación do convenio colectivo de contact center (de ámbito estatal) e para rexeitar as propostas patronais que buscan un recorte de dereitos e afondar na precarización que caracteriza o sector.

Estas mobilizacións dan continuidade á campaña que protestas que a central sindical vén realizando nos últimos meses ante o bloqueo do convenio por parte da patronal. Un bloqueo que ficou constatado na mesa de negociación celebrada o pasado 2 de maio, na que novamente a parte empresarial negouse a asumir ningunha das propostas trasladadas dende a CIG.

Pola contra, explican dende a coordinadora da CIG nos centros de chamadas, a patronal teima en manter o artigo 17 do actual convenio, que permite os despedimentos de persoal con contrato por obra ou servizo por diminución do volume da obra.

Ao tempo rexeitan a proposta de incluír a subrogación do 100% do persoal en caso de cambio da empresa que leva unha campaña. E tampouco se producen avances a respecto da eliminación da contratación a través de ETT.

Dende a CIG pídese a eliminación da distribución irregular da xornada, tanto por dificultar a conciliación como por facilitar a destrución de postos de traballo, mais a patronal limítase a indicar que “estudan” realizar unha nova proposta de redactado.

Así as cousas, transcorridos 16 meses, “a patronal parece non ter présa nin interese en negociar”. Por iso, dende a CIG reitérase a necesidade de negociar un convenio de ámbito galego e xa adiantaron que continuarán coas mobilizacións até acadar un convenio digno e con dereitos.