Convocado novo día de folga en Iberdrola para esixir actualización salarial a IPC tras 11 anos cos soldos case conxelados

A CIG e a central vasca ELA convocan un paro de 24 horas en Galiza, Euskal Herria e Nafarroa o 19 de xuño polo bloqueo das negociacións do convenio
Nacional - 10 Xun 2026

A CIG e a central vasca ELA veñen de anunciar a convocatoria dunha nova xornada de folga en todas as instalacións de Iberdrola en Galiza, Euskal Herria e Nafarroa o vindeiro 19 de xuño para reclamar actualización salarial a IPC tras 11 anos cos soldos practicamente conxelados. A dirección da empresa eléctrica insiste en ofrecer como moito un 1,5% de suba -sempre e cando se cumpran os máximos beneficios económicos establecidos na súa proposta-, o que mantén bloqueadas as negociación do convenio colectivo.

Esta nova xornada de folga, que incluirá unha concentración diante das oficinas de Iberdrola na Rúa de Valdeorras de 10:30 a 12:00 horas, chega tras a que tivo lugar o pasado 29 de maio, coincidindo coa celebración da xunta xeral de accionistas da empresa en Bilbo, no que Iberdrola repartiu 400 millóns de euros entre a alta dirección. Este plan de incentivos recibiu a maior oposición accionarial da historia da compañía en parte polo voto en contra de Gorka López del Corral, que representaba na xunta tanto a ELA como a CIG e ao que se lle cederon as accións de moitas persoas traballadoras para que puidese votar en contra. 

O persoal mobilizarase o día da folga diante das oficinas de Iberdrola na Rúa de Valdeorras de 10:30 a 12:00 horas

Ademais deste reparto millonario a empresa ten previsto celebrar este venres un festival gratuíto que custará millóns de euros, mentres lle nega ao seu cadro de persoal unha actualización salarial conforme ao incremento do custe da vida, tal e como denuncian dende as centrais sindicais, que lembran que o incremento de soldos foi dun 0,7% anual dende hai 11 anos.

Por outra banda, o delegado da CIG en Iberdrola, Fran Puch, adianta a existencia dunha petición formal no Parlamento de Galiza para someter a debate e votación a modificación da Lei de Seguridade de Explotación de Grandes Presas para que a lei obrigue a que os Centro de Operación de Conca (COC) teñan que estar fisicamente nos mesmos territorios que están as centrais que operan. O obxectivo desta proposta é recuperar o COC do río Sil -e os postos de traballo asociados- que se atopaba na Rúa até o seu peche en 2021.

Dende a CIG denuncian o “nulo avance” das negociacións do convenio durante os últimos 16 meses polo inmobilismo dunha empresa que bate récords de beneficios ano tras ano e que agora pretende unha suba salarial do 1,5%, sempre e cando se acaden o 100% dos resultados marcados pola compañía, e do 0,5% no caso de que non se consigan. Mentres que se se supera nun 20% o establecido por Iberdrola o tope sería dun 3%, “cando o IPC este ano xa está no 3,4%”. En todos os casos suporía, polo tanto, perda de poder adquisitivo e empobrecemento do persoal “a pesar de que os beneficios serían milmillonarios”.

Beneficios millonarios

Dende a parte social lembran que Iberdrola obtivo un beneficio neto de 25.000 millóns dende a firma do último convenio colectivo, “e segundo as estimacións da propia empresa o récord de ganancias anual seguirase batendo no futuro”. Pola contra, o cadro de persoal, perdeu nese mesmo período un 20% de poder adquisitivo, mais tamén os trienios e a segunda tarifa de persoa empregada para o persoal xubilado.

“Non estamos pedindo nada esaxerado, reclamamos recuperar o poder adquisitivo perdido e unha suba salarial ligada ao IPC real; e os datos económicos que a propia empresa facilita din que a suba salarial que solicitamos é perfectamente asumible e non pon en risco a viabilidade nin os resultados da compañía”. Polo que fan un chamamento a participar nas mobilizacións e na folga que en Galiza afectará as 29 instalacións que Iberdrola ten no noso país, entre centrais hidroeléctricas, subestacións, parques eólicos ou a propia sede da compañía na Rúa.