Nova mobilización do persoal de ambulancias de Compostela en demanda da negociación do convenio

Responsabilizan á Xunta da situación de colapso do sector por ter outorgado o servizo por debaixo do custo real

Compostela -

Traballadores/as do sector de transporte de ambulancias da área sanitaria de Santiago mobilizáronse novamente en demanda da negociación e sinatura do convenio colectivo, paralizado desde hai case tres anos.

A mobilización desenvolveuse primeiro diante da entrada do hospital provincial de Conxo para posteriormente saír en manifestación cara a sede da fundación 061. Xunto aos traballadores e traballadoras de ambulancias mobilizouse tamén o persoal do 061, que seguen loitando polo recoñecemento dos seus dereitos logo do seu traslado á Estrada.

Asunción de responsabilidades

Segundo explica Ramón Núñez, delegado da CIG en Padrón, o persoal reclama que a administración asuma a súa responsabilidade nun concurso no que levaron ao sector ao colapso por telo outorgado por debaixo do seu custo real, o que derivou nun bloqueo da negociación colectiva que dura xa 3 anos.

Pola súa banda o representante da CIG, Inácio Pavón, lembrou que “os traballadores xa deran un ultimato á consellaría de Sanidade no mes de xuño”, cando ocuparon o despacho do conselleiro, onde advertiron que de non convocarse a mesa de negociación isto derivaría en responsabilizar á Xunta, e nomeadamente á consellaría de Sanidade, da situación do sector.

Pavón responsabilizou ademais á administración de que alén de non se negociar o convenio, esta situación provoca tamén incumprimentos en materia de saúde laboral, limpeza e desinfección de uniformes, ambulancias e bases ou deficientes mantementos das ambulancias o que, advertiu, “representa un risco non só para traballadores/as e doentes senón mesmo de calquera usuario que circula por onde o fan as ambulancias”.

Esta manifestación insírese no marco das mobilizacións de carácter comarcal que están convocadas nas distintas áreas sanitarias e que serven de preparación dunha manifestación nacional prevista para o día 18, que sairá da Vía Norte de Vigo para rematar diante dos edificios da Xunta.

Volver