Nova mobilización do colectivo de Xubilados/as e Pensionistas da CIG de Vigo en defensa do sistema público de pensións
O colectivo de Xubilado/as e Pensionistas da CIG de Vigo desenvolverá unha nova mobilización este mércores 7 xunto á farola de Urzaiz ás 11:30 horas en defensa do sistema público de pensións tras o éxito da celebrada a semana pasada, cando varios centos de persoas participaron na concentración convocada tamén a carón da farola e na posterior manifestación improvisada pola rúa do Príncipe.
Deste xeito, este mércores día 7 terá lugar unha nova protesta do colectivo xunto á farola de Urzaiz ás 11:30 horas -tras a celebrada a semana pasada- para reivindicar que se manteña o poder adquisitivo das pensións e polo dereito a que as prestacións mínimas sexan iguais ao Salario Mínimo Interprofesional.
O colectivo de Xubilados/as e pensionistas da CIG chama a non deixarse enganar polas “mentiras disfrazadas de rigorosas análises feitas por supostos expertos” que poñen en cuestión a viabilidade do sistema público de pensións nun futuro próximo.
Desmantelar o sistema público
Advirten de que o que se pretende, unha vez máis, é xustificar o desmantelamento do sistema público e universal das pensións e favorecer os plans privados dos que se enriquecen as grandes empresas e bancos que as xestionan.
Lembran que nos últimos anos, coas sucesivas reformas aprobadas tanto polo PSOE como polo PP, “pasamos por que en varios exercicios non se revisara o importe nominal das pensións, ou que se fixera por baixo da inflación, ata que en 2013 o PP eliminou a lei que establecía o IPC para o cálculo do incremento das pensións, promovendo un duro recorte que nalgúns casos pode reducir ata nun 20% as futuras pensións, a conta das mentiras sobre o aumento da esperanza de vida”.