Nova mobilización contra a vaga de despedimentos do grupo Eroski en Vigo

Unha manifestación percorreu o centro da cidade para reclamar a readmisión de nove traballadores/as
- 08 Xun 2017

As rúas do centro de Vigo acolleron esta mañá unha nova manifestación para denunciar a vaga de despedimentos que o grupo Eroski está a executar en distintos establecementos da cidade. Tres das centrais con representación do comité de empresa -entre elas a CIG- convocaron a protesta para reclamarlle á dirección da compañía vasca que readmita os nove traballadores/as que botou á rúa nos últimos meses para substituílos/as por persoal con peores condicións laborais.

“Eroski, escoita, estamos en loita”, “Traballo temporal, terrosimo patronal” ou “Despedidos readmisión” foron as consignas que máis se berraron durante o percorrido entre a praza de Fernando O Católico e o mercado do Progreso. A manifestación, na que participou o secretario comarcal da CIG-Vigo, Alberto Gonçalves, e a secretaria comarcal da federación de Servizos, Transi Fernández, arrincou diante do Eroski situado na zona e rematou ás portas do supermercado Familia situado no mercado do Progreso.

Ao final da protesta, unha traballadora tomou a palabra para denuncia que a cadea de supermercados rescindiulles o contrato a nove empregados/as nos últimos meses -para o que botou man da reforma laboral do Partido Popular- co obxectivo de desfacerse do persoal fixo e con antigüidade, afondando así na situación de precariedade que se padece na empresa.

Aplican a reforma laboral do PP para desfacerse dos empregados/as con máis tempo na empresa para seguir a contratar traballadores/as a tempo parcial, aumentando así a precariedade e pagando salarios de miseria”, indicou. Diante disto, reclámanlle á empresa que dea marcha atrás e readmita a todos/as os traballadores/as despedidos/as.

Sen motivos xustificados

Segundo criticou, Eroski aduce causas obxectivas para levar a cabo a rescisión dos contratos “cando non existen motivos xustificados”. Ademais, censurou que a decisión se adoptase sen nin sequera ter en conta a opinión dos delegados/as da CIG no comité, “que entenden que non hai nada que xustifique a medida”.

Finalmente, sinalou que a maioría do comité -“formada por delegados/as de sindicatos amarelos como Fetico”- mira cara a outro lado mentres consenten que se despida a compañeiros/as. “Unha empresa que factura millóns de euros non pode despedir deste xeito, polo que temos que impedir que boten á rúa a traballadores/as que o único que fixeron toda a súa vida foi traballar para gañar o seu salario dignamente”.