Nova maioría absoluta da CIG en Mantelnor, concesionaria da limpeza de dependencias municipais en Vigo

A central nacionalista revalida a confianza dun colectivo que sofre aínda os impagos da anterior concesión
Vigo - 24 Nov 2016

A CIG acadou unha nova maioría absoluta nas eleccións sindicais do pasado martes en Mantelnor, concesionaria do servizo de limpeza das dependencias municipais do Concello de Vigo, ao obter 30 dun total de 56 votos, que deron lugar a 3 delegadas. Presidirá, deste xeito, o comité de empresa, onde UGT e CCOO contarán cun único representante, en cada caso.

O colectivo de limpadoras continúa a padecer unha situación prexudicial debido aos impagamentos que se arrastran desde a etapa de Linorsa á fronte da concesión -que mudou o pasado abril- e fronte á cal o sindicato ten abertos varios procesos xudiciais.

Para a CIG-Servizos esta vitoria supón unha “excelente nova” que permitirá negociar o novo convenio desde unha posición de forza, contando, como marca o modelo sindical da central, coa participación asemblear das traballadoras, ás que agradecen, ademais, a confianza depositada.