Nova lei anti folga dos conservadores na Gran Bretaña

Clodomiro Montero e -

O goberno de David Cameron, aliado e amigo do Rajoy, defende unha nova lei que restrinxe gravemente a liberdade sindical, nomeadamente o dereito de folga, trátase da “trade union bill”. Malia que as medidas neoliberais que se aplican en Gran Bretaña rematan por cruzar o Canal da Mancha e aínda que hai un intenso debate nas illas froito da campaña dos sindicatos, pouco se fala disto no continente.

O neoliberalismo ataca sen descanso aos sindicatos para desarmar á vencida clase traballadora. Mariano Rajoy quixo pasar á historia coma o Margaret Tacher español, aprobando  leis antisindicais coma a reforma da negociación colectiva ou lei Mordaza. Pero cos ventos putrefactos e autoritarios que circulan pola vella Europa todo pode empeorar, para exemplo a Lei anti Folga que defende o seu homólogo británico David Cameron, outro fanático seguidor da Dama de Ferro.

A nova lei anti-folga permite que as empresas podan contratar persoal externo para cubrir aos traballadores e traballadoras en folga, legalizando a contratación de esquirois. Os sindicatos deberan nomear a un responsable dos piquetes, que deberan estar acreditados e os sindicalistas deberán identificarse previamente ante a policía. Os sindicatos enfrontaranse a elevadas sancións, pero tamén os piquetes que poden enfrontarse ao que se coñece como ASBO (antisocial behaviour order), en galego “orden por conduta antisocial”. Esta figura foi creada por Tony Blair, trátase dunha orde pensada para facer fronte ao vandalismo xuvenil e a condutas que a sociedade rexeita: exhibicionismo; mexar/defecar en público; consumir drogas en público; ter comportamentos racistas, ou homófobos; incluso se aplica aos pedófilos. Aplicando unha ASBO aos piquetes, os Conservadores británicos, queren equiparalos con este tipo de comportamentos antisociais, criminalizar a súa actuación.

A nova lei establece requisitos durísimos para a súa convocatoria en determinados sectores (saúde, ensino, transportes, ou enerxía), xa que na convocatoria deberá participar como mínimo o 50% dos traballadores e traballadoras afectados/as de xeito presencial, debendo ser apoiada a folga por un mínimo do 40%.

Ademais os sindicatos poderán ser investigados pola autoridade, polo regulador do goberno para os sindicatos, cando teña sospeitas de que incumpren a normativa ou por exemplo cando alguén proteste polas súas actividades. O Oficial de Certificacións terá dereito a entrar no sindicato e levar a documentación que estime oportuna, incluso aos listados de afiliados, o que pode dar lugar a confección de listas negras. A nova normativa tamén pretende afogar aos sindicatos coa imposición de trámites burocráticos para frear a súa acción sindical.

A norma ten xerado un fortísimo debate social e político, o parlamentario Chris Stevens do SNP escoces dixo que “chega dun partido político que cree que todo se soluciona desregulando no mundo actual, agás no mundo sindical onde se superregula”.  Incluso o parlamentario conservador David Davis criticou duramente a proposta de Cameron dicindo que “esta non é a Gran Bretaña de Franco, é a Gran Bretaña da Raiña Isabel”.

Alega o goberno pérfido que con esta lei busca o equilibrio entre o dereito a folga e os dereitos da cidadanía, cando na práctica coma rebaten as “trade unions” da Gran Bretaña, esta é a máxima afectada polos recortes e privatizacións dos servizos públicos.

Alá coma aquí, os medios de comunicación fixeron un importante traballo de zapa, demonizando as folgas e os seus efectos sobre a “indefensa” poboación, reféns dos folguistas. A poboación está presa, certo, pero en mans de empresarios sen escrúpulos e políticos corruptos que privatizan, a cambio de mordidas. Galiza limita coas illas británicas mar por medio, ben faría o sindicalismo galego en mirar ao norte, erguendo unha voz solidaria que cruce a mar. Si non é por eles, que sexa por nos.

Volver