Non haberá transición enerxética xusta se supón a demolición económica dunha comarca
Para que a transición enerxética sexa realmente xusta, son as Administracións e non as empresas eléctricas as que teñen que asumir o control deste proceso, promovendo proxectos industrias que xeren emprego e economía nas localidades afectadas. Por iso, ante a urxencia xerada tras o anuncio do peche definitivo da central das Pontes, a CIG reclama dos Gobernos que paralicen o expediente mentres non se acade un acordo que garanta a continuidade do emprego e proxectos de futuro concretos, e se exclúa a Endesa da adxudicación dos nós de rede e das poxas de renovábeis.
Para encetar esta transición xusta con futuro, a CIG propón tamén, e así o trasladou na Mesa das Pontes, que a asignación de novas instalacións de produción de enerxía renovábel no concello e na comarca conteña obrigatoriamente un proxecto de desenvolvemento económico e un plan industrial para a súa implantación.
Ademais, Endesa debe asumir un compromiso de garantías de emprego na principal e nas auxiliares, ligado aos proxectos de futuro, e dar prioridade a este colectivo laboral nos procesos e alternativas de transición xusta formulados tanto por Endesa como polas Administracións ou de iniciativa privada.
Xunto a isto, cómpre que a Xunta defina cales dos 108 proxectos tractores que propón están destinados ás Pontes e dote de solo industrial ao Concello, e que o Goberno asine xa os convenios de transición xusta e inclúa os proxectos industrias que hai que implementar nas Pontes no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR) que optarán aos Fondos Next Generation.