Non avalaremos coa nosa presenza unha negociación que só busca lexitimar a venda das centrais

A CIG non asisitirá á nova reunión convocada por Ferroatlántica en Madrid para este xoves

Cee -

A dirección de Ferrotlántica insiste e convoca unha nova xuntanza cos comités e as centrais sindicais para o vindeiro xoves en Madrid. A CIG xa comunicou que non asistirá a este encontro, dado que non se produciu ningunha mudanza na cuestión de fondo: a empresa segue sostendo o seu ilegal plan industrial sobre a base da venda das centrais hidroeléctricas e a segregación das actividades.

Para a CIG esta convocatoria haina que enmarcar na estratexia de Ferroatlántica para tentar buscar o apoio da representación social e lexitimar así o seu ilegal proxecto, aparentando agora abrir a negociación dun acordo marco "para o desenvolvemento dun plan futuro de inversións e emprego nas empresas do grupo".

Mediante esa mesa, Ferroatlántica usurpa o único marco válido de discusión e decisión sobre os temas que atinxen ás concesións hidroeléctricas -as fábricas galegas da Costa da Morte- e busca substituír a ausencia nesas reunións dos auténticos protagonistas da negociación: o Comité de Cee-Dumbría-Centrais Hidroeléctricas.  

Entendemos que a empresa considera insuficientes os acordos asinados cos comités dos distintos centros de traballo (para o que non dubidou en recorrer a todo tipo de presións) e por iso agora pretende acadar un pacto semellante, pero simulando un marco negociador en Madrid no que inclúe ás fábricas de Hidro Nito, FerroSolar e mesmo as minas de cuarzo, ocultando así o feito de que o Comité Cee-Dumbría non está presente.

Pero a CIG non vai participar desa artimaña, porque temos moi claro que o obxectivo desas reunións é lexitimar coa representación social un acordo ilegal, co que presionar a Xunta de Galiza para que modifique o interese público. A CIG non será cómplice dun acordo que sabemos que é negativo para a comarca, todavez que a empresa xa ten un plan definido e pactado no que segue baseando as inversións e os proxectos industriais na venda das centrais hidroeléctricas.

Ao contrario, a CIG fai súa a postura do Comité, así como recollemos e defendemos o clamor da comarca da Costa da Morte, que o pasado 10 de marzo saíu masivamente á rúa para rexeitar calquera tentativa de venda, consciente de que a única garantía de salvagardar o interese público e o emprego é manter vinculadas ambas actividades.

Neste senso, hai que denunciar que tanto Ferroatlántica como a Xunta de Galiza -quen co seu silencio continúa a dar azos á empresa- están facendo caso omiso deste clamor cidadá. E non podemos menos que lamentar que haxa organizacións sindicais que se presten a colaborar coa empresa nesta artimaña. Por iso, esixímoslle que respecten o sentir da Costa da Morte, manifestado o pasado 10 de marzo.

Unha vez máis, a CIG pídelle á empresa que respecte este clamor, desista dunha vez de calquera futuro asentado na venda das centrais hidroeléctricas, e aposte por construír unhas novas e sólidas bases de entendemento de acordo aos desexos que teñen os cadros de persoal de Cee e Dumbría e, por extensión,  o pobo da Costa da Morte.

Cada día que pasa, as actuacións e decisións de Ferroatlántica neste intenso e esgotador empeño por vender as centrais hidroeléctricas, reafirman a necesidade de manter  e reforzar as posturas discrepantes contra destas intencións. Neste sentido, a  dubidosa credibilidade desta empresa pódese  exemplificar con tres  feitos:  o incumprimento de calquera inversión e modernización nas fábricas -nin tan sequera se construíu o formo 23 en Dumbría-;  as verdadeiras consecuencias que supón a fusión con Globe; e o incumprimento das inversións  anunciadas en setembro  de 2016 en FerroSolar.

Volver