NOA Madera Creativa anuncia un ERE para despedir a 100 traballadores/as

A empresa, situada en Fene, traballa principalmente para o grupo Inditex

Ferrol -

O comité de NOA Madera Creativa rexeita as intencións da empresa de aplicar un ERE de extinción para despedir a preto de 100 traballadores e traballadoras. A fábrica, situada no Polígono de Vilar do Colo -Fene-, conta na actualidade cun cadro de persoal de 250 empregadas/os, e dedícase ao deseño e fabricación de mobles.

Segundo informa o comité (con representación de UGT, USTG e CIG), para levar adiante o ERE, a empresa alega causas económicas e produtivas  debido ao recorte de pedidos  de tendas do seu principal cliente, Inditex. "Dende o comité non entendemos nin compartimos esta decisión, tendo en conta que dende hai uns meses o Grupo Malasa, que se dedica aos mesmos sectores que NOA, adquiriu a empresa por unha importante cantidade de diñeiro", subliñan.

Neste senso, temen que as verdadeiras intencións da dirección sexan empeorar as condicións do persoal "e ir cara a un modelo semellante ao que aplica o Grupo Malasa, cunhas condicións laborais máis precarias e cun alto número de traballadores e traballadoras con contratos temporais". Ademais, sospeitan que a nova empresa pretende facerse coa carteira de clientes que ten NOA.

Asemblea o sábado 27

Ante o anuncio do ERE, que suporía un duro golpe para unha comarca tan deprimida como Ferrolterra, o comité abordará cos traballadores e traballadoras as medidas a desenvolver para reverter esta decisión empresarial. Así, para o vindeiro sábado, día 27, xa está convocada unha asemblea de persoal.

Volver