Nin a sarabia nin o frío paralizan a loita das traballadoras do Grupo Deus

Este mércores volveron mobilizarse polas rúas de Ordes

Ordes -

As traballadoras do Grupo Deus non se arredan nin diante das alertas meteorolóxicas, nin do frío, nin da sarabia nin da choiva. Coa dignidade que as caracteriza, as traballadoras realizaron este mércores outra marcha a pé dende a fábrica até a Alameda de Ordes para reclamar contra un ERE que é unha fraude e na defensa dun dereito tan básico como cobrar un salario polo traballo feito.

Con estas premisas arrincaba a mobilización que, novamente, volveu contar co apoio do comercio local, da corporación municipal de Ordes -encabezada polo alcalde-, e mais tamén co deputado do BNG, Xosé Luís Rivas "Mini". Unha solidariedade coa que amosar a preocupación pola situación concreta das traballadoras do Grupo Deus, mais tamén polo futuro dun sector tan importante para a comarca como o téxtil; que nos últimos anos veu como botaban o peche empresas tan relevantes como Viriato ou Téxtil Mendo, sen falarmos das ducias de pequenos talleres que correron a mesma sorte.

Plan estrutural para o sector téxtil da comarca

O Secretario da FGAMT-CIG da Coruña, Manuel Camiño, explicou que a central sindical vai iniciar unha campaña para esixir un plan estrutural do sector téxtil, específico para a comarca de Ordes, que contemple axudas para as empresas que manteñan e incrementen o emprego e no que se recolla tamén un programa de recolocación para o persoal afectado polos peches e os despedimentos no sector.

Nesta liña denunciou que ao amparo das denominadas axudas á internacionalización, o que na realidade estiveron as facer as empresas foi deslocalizar a súa produción, destruíndo emprego e o tecido produtivo no noso país a conta dos cartos públicos.

Grupo Deus ten moita "cara dura"

Na súa intervención, o responsábel comarcal da FGAMT-CIG criticou a "cara dura" do Grupo Deus, que nestes días comezou a entregar as cartas de despedimento ás 103 traballadoras afectadas polo ERE, admitindo que non lles vai pagar nin a indemnización nin os salarios adebedados.

A falta de liquidez é a escusa que pon a empresa para obviar as súas obrigas económicas coas traballadoras. Pero esta aseveración contrasta coas presións e as coaccións ás que someteu ao persoal en folga para que se reincorporara aos seus postos, alegando que era moi importante sacar os pedidos adiante, e ofrecendo a cambio abonar unha parte do salario. "Tanto dicir que non había cartos, e resulta que agora, para as que se incorporaron ao seu posto, ten para pagarlles, unha esmola iso si, pero de repente apareceron os cartos", valorou Camiño.

Sobre a cuestión económica que o Grupo alegou para xustificar o ERE, o sindicalista apuntou que non existe tal causa xa que a empresa, aínda que cativos, o pasado ano obtivo beneficios. "Ademais, lembrou, agora nas cartas de despedimento, a empresa aduce causas produtivas, cando na formulación do expediente non as contemplaba e polo tanto non se trataron no comisión de negociación".

Véxase por onde se vexa, concluíu, estes despedimentos cheiran a fraude, e se non fora polas facilidades introducidas pola reforma laboral do PP, coas manifestas irregularidades que a empresa cometeu na tramitación dos expedientes, a Xunta debería telos arquivados dende o primeiro día. "Pero grazas a esta reforma laboral, as empresas poden destruír emprego sen atrancos".

Volver