Seixo: “Se nos próximos meses non se promoven iniciativas para derrogar as reformas laborais haberá que ir a unha folga xeral”

Neste 10 de Marzo, Día da Clase Obreira Galega, a CIG reitera que só coa contestación social se poderán recuperar os dereitos roubados

Nacional -

Recuperar os nosos dereitos e derrotar as contrarreformas laborais. Baixo esa consigna a CIG mobilizouse neste 10 de Marzo, Día da Clase Obreira Galega, por todo o país. Unha data na que rememoramos os feitos ocorridos en Ferrol no ano 72, cando Amador Rey e Daniel Niebla foron asasinados a tiros pola policía franquista no marco das protestas dos/as traballadores/as dos estaleiros por un convenio colectivo digno e con dereitos. Unha reivindicación vixente, 45 anos despois.

Nunha data tan sinalada, a central nacionalista desenvolveu manifestacións en Ferrol (con carácter central), Vigo, Pontevedra, Vilagarcía, Santiago de Compostela, Lugo e Ourense. Pola súa banda, a CIG da Coruña acordou celebrar este 10 de Marzo sumándose á mobilización convocada en Cee polo persoal de Ferroatlántica, que ademais hoxe está de folga.

Precarización das condicións laborais e de vida

O Secretario Xeral da CIG, Xesús Seixo, na súa intervención ao remate da manifestación de Ferrol na Praza do Himno, denunciou as nefastas consecuencias das reformas laborais postas en marcha polo goberno español, tanto do PSOE como do PP, en materia de condicións laborais, prestacións por desemprego, de xornada, de negociación colectiva, pensións, etc.

Unhas contrarreformas que supoñen un duro ataque a clase traballadora galega, que viu como, baixo a escusa da crise, se recortaban as nosas condicións laborais e de vida e se sumían cada vez máis nunha maior precariedade: devaluación de salarios; contratos por horas; incremento de horas traballadas e impagadas; retroceso nas prestacións por desemprego; incumprimento dos convenios colectivos; dificultades para ter acceso a unha pensión pública; deterioro dos servizos públicos ou maior represión social.

“En definitiva, sobreexplotación da clase traballadora e debilitamento da súa capacidade reivindicativa, mentres se incrementan os beneficios e se concentra o poder económico e político en mans da oligarquía financeira. Aumentan as desigualdades sociais ao tempo que o número de persoas ricas e o seu patrimonio”, alertou.

Intensificar a campaña de mobilizacións

Por iso, nunha data tan sinalada para o movemento obreiro como o 10 de Marzo, a CIG centrou as súas reivindicacións na recuperación deses dereitos e condicións laborais perdidas e na loita contra a precarización do mercado de traballo. Demandas que centran a campaña que a central sindical está a desenvolver dende primeiros de ano e que se estenderá nos próximos meses.

Así, Seixo subliñou que este ano a CIG celebra manifestacións en todas as comarcas galegas, nas sete cidades e nalgunhas vilas, “coa finalidade de darlle a maior difusión posíbel á campaña que iniciamos, a finais de 2016, en defensa e pola recuperación dos dereitos laborais e sociais perdidos nos últimos anos contra a precarización do mercado laboral”.

Seixo reiterou que, logo do Partido Popular perder a maioría no Congreso dos Deputados/as, é o momento propicio para forzar que os grupos da oposición promovan proxectos de lei que obriguen o Parlamento do estado a reverter toda esta lexislación regresiva aprobada nos últimos anos polo PP.

Non se descarta a convocatoria de folga xeral

O Secretario Xeral lanzou un chamamento a “mobilizarnos e forzar que se promovan proxectos de lei para que se derroguen as reformas. Temos que levar a mobilización até as súas últimas consecuencias. Se fixemos catro folgas xerais nun momento máis difícil a sabendo de que o PP ía ser complicado que cedese, as mesmas razóns e necesidades temos hoxe de ir á folga xeral”, subliñou.

E nesta liña, destacou que a CIG continuará a coas mobilizacións nos próximos meses, na perspectiva de incrementar a súa dimensión, afirmando que non se descarta mesmo “a convocatoria de folga xeral cara o mes de maio ou xuño”.

Nese sentido manifestou que “agardamos que o resto dos sindicatos do estado, tanto os estatais como os nacionalistas, entendan esta necesidade, que esa é a única vía, e que se sumen a esta dinámica no obxectivo de facer máis forza e máis efectiva esa convocatoria de folga xeral, se nos próximos meses finalmente o Parlamento español non lexisla para tirar abaixo todas esas reformas que en materia laboral, de negociación colectiva ou de pensións se aprobaron nos últimos anos”.

Ofrenda floral da CIG no monumento ao 10 de Marzo de Ferrol

Como vén sendo habitual, a xornada de conmemoración do Día da Clase Obreira Galega comezou coa ofrenda floral no monumento 10 de Marzo de Ferrol. Alí o Secretario Comarcal, Manel Grandal, denunciou as consecuencias das contrarreformas aprobadas polos gobernos coa escusa da crise, que supuxeron “un severo retroceso na calidade de vida e condicións laborais da clase traballo”.

Unhas medidas regresivas que están tendo unha especial incidencia na comarca de Ferrolterra, onde “ademais das terríbeis cifras de emigración, por mor do volume de desemprego que estamos a padecer, entrou como un verdadeiro tsunami a reforma laboral: descolgues de convenios, horas extras sen remunerar, contratos por hora e por día, etc.”. Grandal puxo o acento no feito de que na comarca, de cada catro contratos, un faise cunha duración menor a unha semana.

“Metéronnos descaradamente a man no peto”, aseverou, ao tempo que medraron as desigualdades, a pobreza e a exclusión social. “Hoxe en día, ter traballo non chega para ter unha calidade de vida digna, ao contrario, instaurouse na nosa sociedade a pobreza laboral, intimamente ligada á precariedade laboral. O PP acadou o seu principal obxectivo: que a clase obreira traballe máis e cobre menos”.

Volver