Na Xunta de Lugo trabállase a baixas temperaturas e fóra dos parámetros que permite a lexislación

CIG-Autonómica ironiza, "despois da conxelación salarial agora aplícannos a conxelación física"

Lugo -

O sector de Autonómica da CIG-Administración denuncia as "insoportábeis e ilegais" temperaturas que se están a rexistrar no edificio da Xunta en Lugo que, en moitos casos, se atopan varios graos por debaixo da temperatura mínima que esixe a lexislación para os postos de traballo. Estas temperaturas, explican, sitúanse nos dezasete graos mentres que as medicións realizadas pola propia Xunta a semana pasada acadaron o resultado de catorce graos Celsius.

Dende a CIG-Autonómica de Lugo-A Mariña demandan que se resolva esta problemática coa maior celeridade pois a "profesionalidade do persoal da Xunta de Galiza non merece que a administración galega, despois da conxelación salarial, pense tamén en aplicar outro tipo de conxelación como é a hibernación do seu persoal para así evitar respectar os seus dereitos máis fundamentais e básicos", subliñan nun comunicado.

A este respecto, Delio López, responsábel do sector, lembra que dende a súa apertura hai xa 20 anos, as denuncias polas deficiencias do edificio son constantes, chegando mesmo a afirmar que "sería moi difícil atopar algo positivo no que foi a construción e posterior posta en funcionamento desta sede da administración galega na cidade". Unhas eivas nas que se teñen gastado importantes cantidades de diñeiro público "en parches irrelevantes", mais sen que até o momento se asumiran responsabilidades políticas "desta desfeita pagada a prezo de ouro".

Dous anos de promesas

No tocante ás temperaturas, López sinala que a Xunta leva dous anos anunciando en diferentes órganos, un compromiso de solución do nefasto funcionamento da climatización, "de novo con outra cantidade inxente de diñeiro saído dos petos das e dos contribuíntes, pero non pasa de ser un novo brinde ao sol para que vaia pasando o tempo e estar 20 anos despois no punto de partida".

Dende a CIG-Autonómica de Lugo-A Mariña entenden que esta é unha mostra máis do desprezo da Xunta cara aos seus empregados e empregadas e reclaman do delegado territorial que cumpra a normativa en prevención de riscos e poña solucións inmediatas a esta situación. En caso contrario, "imos emprender as accións necesarias nos órganos pertinentes, para poder salvagardar os dereitos dos nosos compañeiros e compañeiras alá onde legalmente poidamos facelo sen descartar ningunha acción de protesta e presión".

Volver