Mulleres feministas e combativas tomaron este 8 de Marzo a rúa en loita pola súa dignidade

Nacional - 24 Mar 2026

Ao berro de 'Feministas e combativas, en loita pola nosa dignidade', centos de mulleres mobilizáronse coa CIG en Compostela o pasado 8 de Marzo. Unha data de reivindicación e loita porque, a pesar dos intentos de eliminar o contido de clase que deu orixe a esta conmemoración, “o 8 de Marzo é o Día internacional das mulleres traballadoras”.

A secretaria confederal de Organización da CIG, Susana Méndez, resaltou que “o 8 de Marzo é loita e reivindicación, é traballo, é dignidade, é clase”. Por iso, instou “a debater e tomar conciencia sobre a situación social e política que atravesan as mulleres traballadoras galegas” e exixir as medidas necesarias. 

As mulleres continúan a ter peores condicións, salarios máis baixos, e máis temporalidade e parcialidade que os homes

Chamou a atención sobre os paralelismos co ano 1910, cando se celebrou a Conferencia Internacional de Mulleres Socialistas, orixe do 8 de marzo como Día internacional das mulleres traballadoras. “Daquela, as mulleres denunciaban o alto prezo dos alimentos, as duras condicións laborais e reclamaban a fin dos conflitos bélicos. Hoxe, en 2026, estas reivindicacións están plenamente de actualidade”, aseverou.

Precariedade

Denunciou que as mulleres continúan a ter peores condicións, salarios máis baixos, e máis temporalidade e parcialidade que os homes; e “malia que se nos vendeu que a reforma laboral do ano 2021 ía rematar con estas lacras, o certo é que incluso aumentaron as fendas”.

A responsábel de Organización engadiu que a fenda salarial só se acurta por mor da subida do salario mínimo, pero cada vez hai máis traballadoras pobres. Estas menores retribucións xunto ás carreiras laborais máis curtas, fan que a fenda se estenda tamén ás pensións que, lembrou, en Galiza seguen a ser das máis baixas do Estado.

Criticou que as políticas de desmantelamento e privatización dos servizos públicos afondan nunha maior precarización das mulleres, polo que incidiu que neste día “non temos nada que celebrar, senón ao contrario, estamos aquí para denunciar, reivindicar e esixirlle aos gobernos e ás patronais que dunha vez se poñan en marcha medidas para acadar unha igualdade real e efectiva en todos os ámbitos”.

Neste senso, Méndez demandou un incremento salarial das profesións feminizadas e que o réxime especial de persoas empregadas do fogar estea regulado dentro do sistema ordinario da Seguridade Social, con retribucións acordes á importancia dese labor.

Acoso e a violencia

Fronte ao acoso e á violencia laboral, pediu que as denuncias sexan investigadas con celeridade e conclúan con sancións exemplarizantes; e nas profesións cun alto risco de sufrir violencia no traballo exixiu un dispositivo de alerta xeolocalizado que permita facer unha chamada de emerxencia, alén dos protocolos e plans correspondentes. “Non pode haber outro caso como o de Teresa”, afirmou en referencia á traballadora do SAF do Porriño asasinada mentres prestaba o servizo nun domicilio.

“Non queremos volver ver outra muller asasinada, nin na casa, nin na rúa, nin no seu posto de traballo. Basta de violencia e asasinatos machistas”, reiterou a secretaria de Organización da CIG, quen lanzou un chamado “á mobilización e a rematar co silencio fronte aos ataques”, pois “só cunha acción combativa nos lugares de traballo, nas urnas, na negociación colectiva, nos fogares e nas rúas poderemos avanzar”.

Conflitos bélicos

Méndez tamén denunciou as agresións imperialistas por parte dos EUA e os seus países amigos, advertindo que son as mulleres quen sofren as peores consecuencias. “Non hai dereitos para as mulleres nun mundo en guerra”.  Rexeitou “a escalada bélica, o militarismo e a industria da morte que se enriquece mentres os pobos sangran”.

Cualificou de auténtica “hipocrisía que quen bombardea, invade e ocupa queira vendernos as súas guerras como ‘liberación’, mentres mata nenas nunha escola e sementa terror. A liberdade non chega en forma de mísil, constrúese con paz, con dereitos, con pan, con educación e con futuro”.