Mobilízate en defensa da Atención Primaria

Nacional - 05 Nov 2021

SOS Sanidade Pública fai un chamamento a participar masivamente na manifestación que sairá da Alameda compostelá o 14 de novembro, ás 12:00 horas, baixo o lema ‘Salvemos a Atención Primaria, na defensa da sanidade pública’. Denuncia a grave deterioración da Atención Primaria, da que responsabiliza a Xunta de Galiza e o propio Feixó “en beneficio da sanidade privada” e advirte que “se non facemos unha forte presión social e profesional para conseguir cambios de calado, a nova realidade pospandemia pode empeorar aínda máis a situación”.

A pandemia agudizou a grave crise que xa arrastraba a Atención Primaria coa priorización da atención telefónica sobre a presencial, a suspensión de probas e controis de saúde periódicos, sobre todo en pacientes con patoloxías crónicas, e listas de agarda de até 12 días. 

SOS Sanidade convoca unha manifestación este domingo día 14 en Santiago

Por iso demanda que se recupere a atención 100% presencial; a reapertura de todos os consultorios que foron pechados pola pandemia; a mellora da accesibilidade acabando coas listas de agarda, co desdobramento das consultas; o incremento de persoal para a súa atención; e que non sigan discriminando aínda máis as persoas maiores ou con dificultades de acceso no manexo das novas tecnoloxías.