Mobilízate coa central sindical este 8 de Marzo, Día Internacional das Mulleres Traballadoras
O 8 de Marzo é un día de loita feminista que non se pode desvincular da compoñente obreira que lle deu orixe nin das reivindicacións e denuncias polas que foi creado. Por iso, a secretaría das Mulleres chama a se mobilizar coa CIG nesta xornada para reclamar “traballo, igualdade e salarios dignos”, na liña da campaña de 12 propostas que a central nacionalista ten en marcha.
Porque a pesar da evolución en materia de dereitos formais conseguidos durante os últimos séculos, “o certo é que a lexislación en igualdade non serviu para reducir e eliminar a fenda salarial, garantir unha valoración xusta dos traballos feminizados, nin unhas retribucións iguais para traballos de igual valor”.
A lexislación en igualdade non serviu para reducir e eliminar a fenda salarial, garantir unha valoración xusta dos traballos feminizados, nin unhas retribucións iguais para traballos de igual valor
Advirte que a fenda salarial se situou no 18,4% en 2023, o que implica que, “de media, unha muller ingresou 4.687€ brutos anuais menos que un home”. Para reducir esta diferenza considera imprescindíbel incrementar o SMI até o 60% do salario medio (1.320€/mes), como recomenda a Carta Social Europea.
Entre os factores que explican esta fenda, Nicolasa Castro destaca a maior parcialidade e temporalidade na contratación, maior uso dos dereitos de conciliación e maior presenza nas actividades e categorías peor remuneradas. “Se as mulleres traballasen a tempo completo e durante todo o ano, a diferenza de salario entre mulleres e homes situaríase no 7,7%, segundo datos da Axencia Tributaria”.
Estas desigualdades provocan que a fenda nas pensións ascenda até o 33,6%, cobrando de media 421€ menos que os homes. Unha situación que se agravará por mor das últimas reformas das pensións aprobadas.
Conciliación
Aínda que as modificacións legais avanzaron na corresponsabilidade, as mulleres seguen asumindo de xeito maioritario as tarefas de coidados. Porén, a demora na transposición de directivas europeas ou mesmo a negativa a aplicalas -caso do permiso parental de 8 semanas sen retribuír- impide o dereito de conciliar, “obrigando as traballadoras a facer uso de permisos sen soldo, reducións de xornada e mesmo excedencias, sufrindo os conseguintes prexuízos económicos e laborais”.
O cada vez maior empobrecemento das mulleres traballadoras “é o caldo de cultivo” para o acoso laboral, unha situación de violencia no traballo que a pesar da obriga legal de prevelo, actuar e sancionalo, segue a medrar, co impacto que este ten na saúde de quen o padece, alén da vulneración de dereitos que supón.
Para reverter esta realidade, a CIG insta os Gobernos da Xunta e do Estado a adoptar unha serie de medidas a comezar pola redución da temporalidade e a parcialidade na contratación e a estabelecer por lei que a contía mínima das pensións sexa igual ao SMI.
Garantir que as auditorías retributivas e os plans de igualdade identifiquen as causas das fendas salariais e as discriminacións laborais e implantar sistemas de control que recollan accións reais e efectivas para reducilas e eliminalas.
Neste camiño, reforzar o papel fiscalizador da Inspección de Traballo e activar un especial control da Administración Pública; e estabelecer unha clasificación profesional adecuada ao valor real do labor desempeñado polas persoas (na inmensa maioría mulleres) que realizan tanto traballos de limpeza como de coidados.
Xunto a isto, ampliar a duración dos permisos e equiparar os dereitos das familias monomarentais/monoparentais; garantir a existencia de servizos de xestión pública suficientes; e sancións exemplarizantes ante os casos de discriminación, acoso e outras situacións de violencia laboral.
Mobilizacións da CIG o 8 de Marzo ás 12:00h
A CORUÑA: Obelisco.
A GUARDA: Praza As de Copas.
AS PONTES: Entrada do Mercado Municipal.
BURELA: Praza do Concello.
CANGAS: Capela do Hospital.
CARBALLO: Praza do Concello.
CEE: Praza 8 de Marzo.
COMPOSTELA: Praza Roxa.
FERROL: Avenida Esteiro (local da CIG).
LUGO: Praza Maior.
OURENSE: Parque San Lázaro (local da CIG).
PONTEVEDRA: Praza da Peregrina.
VIGO: Cruce da Dobrada.