Mobilizacións en Faurecia Interior Systems coincidindo coa aplicación do ERTE

Temor entre o persoal a que o ERE temporal se transforme en extintivo ante a falta de carga de traballo
O Porriño - 28 Out 2016

O persoal de Faurecia Interior Systems, empresa con sede no Porriño que fabrica componentes para o sector da automoción, iniciou hoxe mobilizacións unitarias coincidindo co segundo día de aplicación do ERE temporal. Demandan carga de traballo “a medio e longo prazo” para sustentar a viabilidade da empresa no futuro.

Desde a representación dos traballadores/as de Faurecia Interior Systems, situada no polígono industrial das Gándaras especializada en pezas de interior en fibra de madeira para distintas marcas, reivindicaron cunha concentración a súa preocupación ante a falta de carga de traballo, que pode por en risco a propia supervivencia da empresa.

Neste senso, explican que os problemas inícianse en 2012 cando se comezan a perder proxectos e non se logra ningún novo en todo este tempo. “As expectativas son cada vez peores, xa que a previsión é que en 2018 a empresa quede co 40% da actual carga de traballo”, indican. De feito, o cadro de persoal está integrado na actualidade unicamente por 125 traballadores/as.

Temor a que o ERE se transforme en extintivo

Lembran que nos últimos anos desapareceron todos os empregados/as eventuais e ningunha das xubilacións que se produciron foron substituídas. Este mesmo xoves deu inicio un ERTE para o conxunto do persoal, que vive hoxe o segundo día de aplicación, e que supón a paralización da actividade da fábrica durante o tempo de vixencia.

A empresa, pola súa parte, promete novidades para o vindeiro mes de xaneiro, aínda que os sindicatos sospeitan que sexan “unicamente a curto prazo”. Temen, por tanto, “que o expediente se convirta en extintivo e que supoña despedimentos”, conclúen.