Mobilización para recuperar dereitos

As reformas impostas nos últimos oito anos provocaron o medre da desigualdade, da precariedade e da pobreza

Nacional -

As reformas impostas nos últimos oito anos, so pretexto da crise, provocaron o medre da desigualdade, da precariedade e da pobreza na clase traballadora galega: o 13,6% da poboación ocupada está baixo algunha modalidade de contratación a tempo parcial; o 35% dos contratos no último ano foron dunha semana de duración; 185.000 persoas teñen ingresos brutos inferiores á metade do SMI, cuns ingresos medios de 1862 euros ao ano, e case un 31% do total de traballadores/as non alcanza ingresos anuais iguais ao SMI. Así o peso das rendas do traballo no PIB galego descendeu un 3,4% mentres as rendas do capital o incrementaron nun 1,5%.

Por iso o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, cualifica de “vergoñento” o acordo de incremento do SMI asinado por UGT, CCOO e a patronal co PP, que só contempla elevalo aos 736€ en 2018 e que chegue aos 850€ en 2020, incumprindo así o acordado no Congreso, que prevía incrementalo até os 950€ en 2020.

Carril critica ademais que se condicione calquera incremento a que o PIB do Estado español sexa superior ao 2,5 e que haxa unha media de 459.000 novos/as cotizantes á Seguridade Social “Pactar un SMI nestas condicións fai que a pobreza vaia en aumento e se cronifique”, denuncia.

Incrementar o SMI

Fronte a isto, a CIG defende elevar xa o SMI a 857€ para chegar ao 60% do salario medio que indica a Carta Social Europea. Ademais, exixe a inmediata desaparición do IPREM, que está nos 537€, como indicador de referencia absoluta para calquera tipo de prestación ou axuda pública, porque “deteriora aínda máis as condicións de vida e dificulta o acceso a unhas rendas públicas mínimas”. 

A CIG defende elevar xa o SMI a 857 euros para chegar ao 60% do salario medio

O secretario confederal de Negociación Colectiva, Francisco González Sío, sinala que a CIG defenderá para 2018 incrementos salariais de arredor do 3%, como norma xeral, nunha contía duns 600€ brutos anuais. A CIG defende a negociación colectiva como principal instrumento para recuperarmos os dereitos roubados e aposta pola mobilización para defender un Marco Galego de Relacións Laborais, pór en valor os convenios sectoriais e provinciais galegos e conseguir a inclusión de melloras nestes.

Defenderá ademais a inclusión da cláusula de garantía salarial en todos os convenios; o control efectivo da xornada laboral para evitar as fraudes na contratación; a prohibición das duplas escalas salariais; o control das ETTs e da subcontratación; a obriga de subrogación; a supresión das horas extra incluíndo nos convenios as quendas de fin de semana, festivos e pontes e a restrición de contratos a tempo parcial, co aumento de fixos nos cadros de persoal e o control dos eventuais.

Novas formas de explotación

A CIG combaterá as novas formas de explotación, como os falsos autónomos, que se incrementaron nun 8,2%; as empresas multiservizos, onde as condicións laborais son moi precarias, con traballadores/as contratados por dúas, tres ou catro horas, sen ningún tipo de control e os centros especiais de emprego, que teñen convenios de mínimos rexidos polo Estatuto de Traballadores/as e polo SMI.

Ademais daralle pulo aos convenios con patronais disoltas “porque lles favorecía fuxir do marco galego e provincial e pasarse ao estatal para que as/os traballadoras/es quedasen sen convenio e pasasen a rexerse polo SMI, sen incrementos”.

Volver