Mobilización para os dereitos laborais en Galiza, o Estado español e Europa

Xosé Luís Rivera Jácome - 16 Feb 2018

Só con negociación e mobilización será posíbel demandar a recuperación dunhas condicións e salarios dignos. A experiencia ténnolo demostrado. Temos exemplos dabondo de mobilizacións e folgas en toda Europa de que contra este capital só é posíbel enfrontarse plantándolle cara coas nosas armas

 Non cabe dúbida de que a negociación colectiva é o principal instrumento co que conta a clase traballadora para facer fronte ás políticas neoliberais que, co pretexto da crise, se veñen aplicando desde hai oito anos, con drásticos recortes que afectaron, esencialmente, ás clases populares e máis desfavorecidas: supresión e privatización de servizos públicos esenciais, precarización do emprego, tanto nos salarios como nas condicións de traballo, maior desemprego (ocultado con cifras propagandísticas de novos contratos dos que, a maioría, son de menos de 6 días ao mes), reformas laborais en contra dos/as traballadores/as, perda de dereitos laborais e sindicais, maior desigualdade, precariedade e cotas de pobreza, e ata perda de dereitos civís, criminalizando a lexítima protesta e resposta social, con sancións, represión policial e condenas para activistas sindicais.

 En Galiza, os datos son concluíntes:

- Perda de poboación activa en 2016.

- 153.000 mozos/as menos en Galiza desde que se iniciou a crise.

- O número de empregos perdidos nos últimos oito anos supera os 160.000 postos de traballo, afectando, sobre todo, a menores de 34 anos, entre os que a caída do emprego foi de 150.000 persoas.

- 13,6% da poboación ocupada está xa en modalidade de contratación a tempo parcial.

- 35% dos contratos, no último ano, son dunha semana de duración.

- Segundo a EPA, en 2016 houbo un incremento da ocupación que se produciu xusto “nos sectores paradigma da explotación laboral e das novas realidades de precariedade que existen no mundo do traballo, como os falsos autónomos, un colectivo que se incrementou nun 8,2% e que son traballadores/as por conta allea, aos que se lles obriga a converterse en autónomos, pero non para mellorar a súa calidade de vida, senón para deteriorar as súas condicións salariais e de traballo e para que sexan máis submisos á hora de aceptar o que lle marquen as direccións das empresas.

- O peso das rendas do traballo no PIB galego descendeu un 3,4%, mentres as rendas do capital incrementaron o seu peso nun 1,5%.

- Incremento da presión fiscal sobre a poboación asalariada nos impostos directos dun 2% e “dunha forma incalculábel” nos impostos indirectos.

- Alarmante a cifra de 185.000 persoas con ingresos brutos inferiores á metade do SMI e cuns ingresos medios de 1.862€ ao ano.

- O colectivo de traballadores/as que ingresan menos da metade do SMI é do 18,1% e o colectivo que non alcanza ingresos anuais iguais ao SMI é de case o 31% do total.

Negociación colectiva e mobilización

 Para reverter esta situación, é necesario utilizar a forza do traballo, como instrumento de presión das xustas demandas, diante dunhas patronais que se senten cómodas diante desta precariedade e forte demanda de calquera tipo de emprego. Por iso resulta esencial que, xunto á negociación colectiva, se mobilice os traballadores e traballadoras, para recuperar os dereitos que lles foron roubados neste últimos anos. E, tamén por isto, consideramos esencial reforzar o ámbito de negociación colectiva autonómico ou provincial, pola proximidade e maior implicación na negociación do persoal afectado. As cifras reflicten ben ás claras que tanto o ámbito estatal, como o de empresa, benefician as patronais, no primeiro caso pola escasa participación dos traballadores e traballadoras na negociación, e no segundo, polas presións directas que as patronais exercen sobre os/as representantes encargados/as de negociar.

 Só así, con negociación e mobilización, será posíbel demandar a recuperación dunhas condicións e salarios dignos. A experiencia ténnolo demostrado. Temos exemplos dabondo de mobilizacións e folgas en toda Europa de que contra este capital só é posíbel enfrontarse plantándolle cara coas nosas armas. En Galiza tamén o temos claro. Todos os acordos que se acadaron neste último ano foron como resultado de intensas mobilizacións por parte dos traballadores e traballadoras: folga das traballadoras de Bershka contra unha poderosa patronal como Inditex, folga no sector do transporte público, nas empresas auxiliares do sector naval, nas empresas de telemarketing, en Ferroatlántica, no sector do Metal, na sanidade, no ensino, na administración de xustiza… Só coa firme protesta do persoal afectado, e o apoio sindical, poñendo os recursos e apoio necesarios, foi posíbel acadar acordos razoábeis para a clase traballadora. E esta debe ser a liña a seguir para o ano que comeza, tanto a nivel local, como no marco europeo, pois son os propios estados (case a totalidade deles) da UE e as empresas transnacionais as que propician esta situación e, en consecuencia, tamén debemos as organizacións sociais unir as nosas forzas para facerlle fronte.

 

[Artigo tirado do sitio web de Alter Summit, febreiro de 2018]