Manifestación nacional en defensa da sanidade pública o domingo 1 de febreiro en Compostela

Nacional - 19 Xan 2026

O domingo 1 de febreiro, a plataforma SOS Sanidade Pública, da que a CIG fai parte, ten convocada unha manifestación contra a destrución e a privatización do sistema sanitario público galego. A marcha, baixo o lema “Máis sanidade”, sairá ás 12:00 horas da Alameda de Santiago e o colectivo chama a unha participación masiva para demostrarlle á Xunta que “a poboación xamais se renderá diante desta inxustiza”.

Listas de agarda intolerábeis para consultas, probas complementarias, exploracións e intervencións cirúrxicas, hospitais saturados, servizos de urxencias colapsados e centros de saúde e PAC sen persoal nin recursos económicos suficientes son algunhas das características que definen a nosa sanidade tras 16 anos de recortes impostos polos gobernos do PP na Xunta. 

A marcha convocada pola plataforma SOS Sanidade sairá dende a Alameda ás 12:00 horas

A aposta pola privatización e o desmantelamento do sistema público ten como resultado unha profunda crise sanitaria que os orzamentos de 2026 non reverterán, xa que apenas se incrementa o gasto hospitalario nun 3.6%, mentres continúa a marxinación da Atención Primaria.

Para o primeiro chanzo da sanidade pública, a Xunta só dedica o 14,3% do gasto sanitario total, o que supón 10 puntos porcentuais por debaixo do 25% que recomenda a OMS, levando a Atención Primaria a un risco certo de colapso irreversíbel.

Desvíos á privada

Neste contexto, a Plataforma denuncia a desviación de miles de doentes e de cartos dos hospitais públicos á sanidade privada, e o crecemento exponencial dos seguros privados “que xeran desigualdade e que son unha estafa que non resolve nada”.

De feito, apuntan que o gasto sanitario privado en Galiza representa xa o 28.4% do gasto total, “que corre a cargo do pagamento directo de persoas, fogares e seguros de saúde”; e que “o 17% de poboación galega ten un seguro privado”.

Fronte á estratexia de demolición do goberno do PP na Xunta, SOS Sanidade reivindica o acceso libre e sen demora á Atención Primaria, poñer fin ás listas de agarda e acabar coa súa ocultación, así como a posta en marcha de medidas urxentes para reforzar a Atención Primeira, a atención hospitalaria, a saúde mental e a saúde pública.