Mobilización e loita para conquistar convenios dignos e avanzar en dereitos

Nacional - 22 Xun 2026

Fronte á extensión da precariedade e unha carestía imparábel, a clase obreira galega reaxe apostando pola mobilización e a folga para mellorar as súas condicións materiais de vida. Cunha patronal crecida na súa ofensiva mentres acumula máis ganancias cada día, a organización e o conflito na negociación colectiva convértese no camiño para podermos avanzar en dereitos laborais.

Así o entenderon as compañeiras e compañeiros do siderometal de Pontevedra e da Coruña, do comercio do metal de Pontevedra, do comercio de alimentación da Coruña, do comercio vario de todo o país ou dos sectores de coidados relacionados coa atención á discapacidade, menores e infantil 0-3.

Todos estes colectivos iniciaron unha loita en demanda de convenios dignos e o dereito a unha negociación de proximidade, que son un exemplo para toda a clase traballadora galega. Porque o tempo que tardamos en ir á mobilización é o tempo que perdemos en gañar dereitos.

Metal en loita

Tras seis meses sen avances, o siderometal da provincia da Coruña acordou ir á folga en resposta ao secuestro da patronal e á estratexia de dilación da negociación do convenio, mentres se estende a precariedade e o persoal perde capacidade adquisitiva.

As tres primeiras xornadas constituíron unha demostración de forza e unidade con milleiros de persoas participando nos piquetes e nas mobilizacións da Coruña, Ferrol e Compostela que obrigou a patronal a acudir por primeira vez á mesa con intención real de negociar e darlle axilidade ao calendario de xuntanzas.

Porén, na seguinte cita, nunha mostra máis de soberbia e da súa falta de compromiso coa negociación, a patronal virou de estratexia, freando calquera avance e ameazando con limitar o carácter retroactivo do convenio. Diante deste bloqueo deliberado, o sector respondeu con contundencia secundando catro xornadas máis de folga e unha manifestación provincial na que participaron 8.000 persoas traballadoras do metal.

Esta firmeza e determinación obrigou ao empresariado a recuar e solicitar unha mediación, pero o persoal xa advertiu que, se as propostas patronais seguen sen satisfacer as demandas sociais, a folga continuará os días 30 de xullo e 2 de xullo, sen descartar novas convocatorias até lograr un convenio digno.

Traizón en Pontevedra

En canto ao siderometal pontevedrés, o conflito por un convenio colectivo digno pechouse en falso tras unha nova traizón de CCOO e UGT, cando a forza amosada polo sector nas tres xornadas de folga convocadas conxuntamente a bo seguro permitiría ter conseguido un acordo que supuxese melloras laborais reais. A indignación do persoal quedou patente na manifestación celebrada nas rúas de Vigo por iniciativa da CIG coincidindo co paro de 24 horas promovido en solitario pola central sindical tras a claudicación dos sindicatos estatais de concertación.

O acordo entre CCOO e UGT e a patronal hipoteca o futuro do sector ao establecer un convenio a catro anos coa actualización salarial topada, o que se vai traducir nunha perda de poder adquisitivo tendo en conta o actual contexto inflacionista. Tampouco contempla ningunha das principais demandas das plataformas sindicais: subrogación entre empresas, xubilación anticipada, medidas eficaces contra o estrés térmico, regulación da contratación fixa descontinua ou limitación da subcontratación.

Fronte a isto, a CIG-Industria anunciou que comezará a visitar cada centro de traballo “para preparar a próxima batalla, para pelexar por melloras laborais concretas, sobre todo para as persoas traballadoras que se atopan en peores condicións”, ao tempo que augurou que o persoal do sector rematará por retirarlle a súa confianza ás centrais estatais, “que van rematar por perder boa parte da representación no metal”.

Comercio do metal

Ao igual que o siderometal, o sector do comercio do metal da provincia de Pontevedra púxose en pé de guerra en demanda de mellores condicións laborais e para forzar a negociación do convenio colectivo tras ano e medio caducado. Tras a ruptura dos contactos coa patronal o pasado mes de xaneiro despois de que os sindicatos con representación na mesa (a CIG, CCOO e UGT, sendo a central nacionalista maioritaria no sector) abandonaran a última xuntanza ante as propostas regresivas do empresariado, o persoal comezou un calendario de mobilizacións.

Primeiro desenvolvendo concentracións e manifestacións e posteriormente convocando tres días de folga conxuntamente co metal e un en solitario, xornadas nas que as persoas traballadoras do sector amosaron o seu contundente rexeitamento á pretensión da patronal de eliminar a cobertura do 100% dende o primeiro día en caso de baixa e de suspender durante dous anos a aplicación do artigo que impide que as empresas poidan absorber os pluses que superen as condicións salariais fixadas en convenio.

Comercio de alimentación

O pasado 29 de maio, máis do 80% do persoal do comercio de alimentación da Coruña secundou a primeira xornada de folga para reivindicar incrementos salariais que saquen da pobreza as persoas traballadoras e unha mellora substancial nas condicións laborais e sociais. Unha resposta nunca antes vista na provincia neste sector, que non convocaba folga polo seu convenio dende o ano 2009, e que se deu malia as coaccións das empresas para impedir o exercicio deste dereito fundamental.

Milleiros de compañeiras e compañeiros demostraron nas rúas que non van seguir aturando máis abusos nunha actividade considerada esencial e menos aínda cando as empresas baten récords de beneficios ano tras ano. 

Aínda que cada sector ten as súas propias demandas, a prioridade común é mellorar as condicións laborais, sociais e salariais mediante a negociación colectiva, abrindo o Marco Galego de Relacións Laborais

A pesar do rotundo éxito da folga, a patronal, encabezada por Gadis e Froiz, despois de oito reunións continúa sen ofrecer “nada de nada” e incluso sen fixar un calendario de reunións. Ante esta falta de avances, o persoal acordou dar un paso adiante e intensificar o conflito con catro xornadas máis de folga para os días 21, 22, 23 e 24 de xuño, nas tendas e almacéns loxísticos.

Convenios galegos

Exemplar resulta a loita que as traballadoras do comercio levan meses desenvolvendo para impedir que a gran patronal do téxtil e do calzado, agrupada na asociación ARTE, impoña o primeiro convenio estatal neste sector. Unha centralización da negociación colectiva que ten como obxectivo recortar dereitos, laminar a representación sindical elixida polo persoal galego e dificultar a capacidade de decisión e resposta das persoas traballadoras. 

A imposición deste convenio constata a necesidade de contar cun marco de negociación propio que blinde os dereitos xa recoñecidos e facilite avanzar na consecución doutros novos. Por iso, ante esta ofensiva das grandes multinacionais como Inditex, H&M, Mango ou Primark, as dependentas e a CIG reclámanlle altura de miras as patronais galegas e asinar xa un acordo interprofesional que protexa o acadado nos convenios provinciais do comercio.

De feito, tras a sinatura do convenio estatal por ARTE, CCOO e Fetico, abrir a negociación dun convenio galego para o sector é o camiño polo que continúa a loita para impedir que se consume este atraco.

Rachar coa precariedade que vén imposta pola negociación estatal tamén é o obxectivo do persoal dos centros de atención á discapacidade, menores e educación infantil 0-3, que dende hai máis dun ano están mobilizándose pola dignificación laboral e para que se recoñeza a súa profesionalidade. Reclaman ademais a implicación da Consellaría de Política Social que, malia ter as competencias para resolver os problemas estruturais que afectan a estes sectores, agóchase na inacción.

Aínda que cada sector ten as súas propias demandas, a prioridade común é mellorar as condicións laborais, sociais e salariais mediante a negociación colectiva, abrindo o Marco Galego de Relacións Laborais a través do Consello Galego de Relacións Laborais, no camiño de acadar acordos e convenios dignos e xustos na Galiza.