Mobilización e loita para avanzar en dereitos
Iniciamos este 2026 cunha elevada conflitividade laboral nos sectores público e privado en resposta á precariedade, mais tamén a nivel social contra o desmantelamento e a privatización dos servizos públicos ou contra a política industrial que entende Galiza como un territorio de espolio e sacrificio.
O incremento da conflitividade laboral –da que a CIG é motor fundamental– vai parello á parálise lexislativa para recuperar ou xerar novos dereitos e dáse nun mercado de traballo caracterizado pola elevada rotación, a temporalidade, o incremento da parcialidade –que representa xa o 15%– e a pobreza salarial.
Segundo os datos da Axencia Tributaria, apenas o 39,1% da poboación galega asalariada supera os 20.000€ de ingresos anuais e o 20% da poboación activa vive atrapada polos baixos soldos. O Goberno español propuxo situar o Salario Mínimo Interprofesional para este 2026 nos 1.221€ brutos, incumprindo unha vez máis as recomendacións da Carta Social Europea.
A CIG demanda aumentar o importe até os 1.374€ ao mes, acadando así o 60% do salario medio do Estado español (32.078 euros/ano en 2024) que marca a CSE para poder garantir unha vida digna e que se especifique o carácter non compensábel, nin absorbíbel de ningún dos complementos salariais.
O secretario xeral, Paulo Carril, incide en que a suba do SMI favorece a diminución da fenda salarial de xénero, situada no 17,7%, e que a poboación máis nova “non estea condenada á pobreza laboral”. Elevar o SMI até a contía que demanda a CIG beneficiaría de maneira directa, cando menos, a 175.403 persoas asalariadas en Galiza.
Negociación colectiva
No actual contexto, a negociación colectiva convértese no mecanismo fundamental para a mellora real das condicións de vida e a mobilización e a folga no instrumento para facer valer esas reivindicacións da clase obreira.
A confrontación coas políticas neoliberais do Goberno galego vai ir a máis mentres siga a actuar como correa de transmisión das grandes empresas
Para este exercicio, o secretario de Negociación Colectiva da CIG, Francisco González Sío, destaca como principais obxectivos en materia salarial unha suba do 5%, ampliar o número de convenios colectivos con cláusula de revisión (só presente no 40%), e implantar a xornada semanal de 35 horas, no camiño das 32 horas.
Para frear as consecuencias da última reforma laboral e os prexuízos de manter vixente a reforma de 2012, cómpre dotar de estabilidade o emprego pactando medidas na negociación colectiva para fomentar a contratación indefinida, topar as porcentaxes de persoal temporal, e limitar a contratación a tempo parcial e fixa-descontinua “porque vai significar que as persoas teñan mellores condicións laborais e mellores salarios”.
A CIG confrontará que as mutuas poidan xestionar as incapacidades temporais por continxencias comúns derivadas dos trastornos músculo-esqueléticos “porque non imos permitir que se criminalice as persoas traballadoras con problemas de saúde”.
Para máis abundar, o Goberno do PP na Xunta aprobou uns orzamentos xerais que non permiten afrontar a grave crise produtiva que atravesa o país, a constante perda de dereitos laborais e avanzar nun marco galego de relacións laborais. A confrontación coas políticas neoliberais do Goberno galego vai ir a máis mentres siga a actuar como correa de transmisión das grandes empresas que mercantilizan os servizos públicos e espolian os nosos recursos.