Convocada mobilización pola parálise da negociación do convenio do metal da Coruña

O próximo xoves 16 de marzo, ás 11:00 horas na sede da patronal
A Coruña - 14 Mar 2017

As centrais sindicais UGT, CCOO e CIG teñen convocada unha concentración de delegados e delegadas do sector do metal para o próximo xoves, 16 de marzo, ás 11:00 horas, diante da Confederación de Empresarios/as na Coruña (Praza de Luís Seoane), para denunciar a situación de bloqueo patronal na negociación do convenio provincial de siderometalurxia.

As negociacións para o novo convenio, explican as centrais sindicais, comezaron hai máis de dous anos, pero neste tempo a patronal non aceptou practicamente ningunha das reivindicacións presentadas pola parte social.

"A patronal pretende rematar a negociación sen ningunha mellora substancial para os traballadores e traballadoras do sector. E por se isto non fora abondo, pretenden eliminar dereitos xa conquistados como a revisión salarial e afondar aínda máis na distribución irregular da xornada laboral", denuncian.

Ante esta situación, nas asembleas de traballadores/as realizadas na Coruña, Ferrol e Santiago para abordar o estado da negociación do convenio, acordouse iniciar mobilizacións no sector co obxectivo de "lograr que a patronal desista da súa actitude mesquiña e conseguir que a negociación remate cun convenio xusto, unhas condicións de traballo decentes e uns salarios dignos".