O Centro Residencial San Vicente de Paúl de Lugo despide a candidata da CIG ás eleccións sindicais

Dende a CIG-Ensino denuncian a represión exercida pola dirección, que tamén afecta a dúas enfermeiras

Lugo -

A CIG-Ensino desenvolveu unha concentración este mércores diante do Centro Residencial San Vicente de Paúl (Lugo) para denunciar o despedimento de tres traballadoras (unha coidadora e dúas enfermeiras) e demandar o cese da dinámica de presións. Aínda que a dirección alega causas disciplinarias para xustificar a medida, para a CIG-Ensino estamos ante un clarísimo caso de represión sindical, xa que a coidadora despedida é a persoa que encabeza a candidatura da central para as eleccións sindicais que se van celebrar o 29 de maio.

Aínda que este centro de asistencial e ocupacional conta con máis de 50 traballadores/as, esta será a primeira vez, subliña Xosé Mariño, responsábel comarcal da CIG-Ensino, que se celebren eleccións para elixir comité. Por iso, para a Federación resulta obvio que a finalidade destes despedimentos é "amedrentar ao persoal para que non vaian 'ter a ousadía' de organizarse para defender os seus dereitos laborais, e menos aínda de  apoiar co seu voto á CIG, organización que saben que os vai defender con rigor e contundencia até o final".

Aínda que a coidadora que encabeza a candidatura da CIG xa viña sufrindo unha situación de acoso por parte da dirección, Mariño explica que dende o momento  no que se efectuou  o preaviso de eleccións sindicais, promovidas pola CIG-Ensino, a presión  psicolóxica  e as  prácticas represivas exercidas  sobre os/as traballadores/as fixéronse máis patentes e incluso a coidadora recibiu un apercibimento inxustificado, xa que a actuación que o motivou contaba co aval do persoal de enfermería.

A presión foi tanta que, tan só un día despois, o centro despedía á coidadora pola mañá e, pola tarde, eran as dúas enfermeiras que -ante as acusacións infundadas de falta grave por parte da dirección- avalaran o seu proceder, en base a criterios profesionais  e humanitarios, quen recibían carta de despedimento.

Á vista dos feitos, a CIG-Ensino acordou realizar esta primeira concentración en solidariedade coas traballadoras despedidas, reclamando a súa continuidade no posto, e o cese da represión e o acoso no centro. Á protesta tamén se sumou CCOO.

Centro conveniado coa Xunta

Xosé Mariño destaca tamén o feito de que este  centro, rexido por unha congregación relixiosa (Fillas da Caridade), está conveniado  coa Consellería de Política Social e recibe cartos públicos para o seu funcionamento (que supoñen arredor do 70-80% dos orzamentos do centro). "Non é de recibo que cos cartos públicos se financien os despedimentos das traballadoras. Para a CIG-Ensino, a Xunta de Galiza debe actuar responsabelmente e garantir que os fondos que destina ao centro non son dilapidados en despedimentos", asevera.

Volver