Miles de persoas proclaman en Madrid que a "Autodeterminación non é delito"

A CIG compartiu a cabeceira con organizacións de todo o Estado
Internacional - 16 Mar 2019

Miles de persoas percorreron as rúas de Madrid, desde Atocha até Cibeles, para proclamar que a "Autodeterminación non é delito", denunciar o xuízo-farsa que se desenvolve contra representantes políticos cataláns e reclamar o dereito a decidir dos pobos. Galiza con Catalunya, da que a CIG fai parte, sumouse á marcha cunha numerosa comitiva para manifestar, ademais, a súa solidariedade co pobo catalán.

A manifestación estaba convocada pola Asemblea Nacional Catalana (ANC) e Omnium Cultural e nela participou unha importante representación das nacións sen estado, Galiza e Euskal Herria. De feito, a representación da CIG compartiu cabeceira co resto das organizacións.

A CIG reitera a súa solidariedade co pobo catalán e rexeita o xuízo político que se está desenvolvendo contra os seus lexítimos representantes. Demanda a súa liberdade e denuncia a persecución ideolóxica emprendida desde o Estado español contra quen defende dereitos fundamentais dos pobos como é o dereito de Autodeterminación.