Miles de persoas percorren Compostela reivindicando que “o idioma é a vida”
O verso de Manuel María foi o fío condutor dunha mobilización na que se demandaron cambios lexislativos para garantir vivirmos na nosa lingua con plena normalidade
Miles de persoas participaron este 17 de Maio, Día das Letras Galegas, na manifestación que baixo o lema “O idioma é a vida” percorreu as rúas de Santiago de Compostela. Coa mobilización, convocada pola plataforma Queremos Galego (da que a CIG forma parte), preténdese reivindicar cambios na lexislación que eviten decretos ou sentenzas contra o idioma propio do país.
Galería de imaxes da manifestación
O lema escollido para esta convocatoria non podía ser máis acaído: “O idioma é a vida”, un verso do coñecido poema “A fala” de Manuel María, o autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2016. Baixo esta consigna, unha multitudinaria e animada manifestación marchaba dende a Alameda compostelá até a Praza da Quintana na defensa do noso idioma, no ano no que conmemoramos tamén o nacemento das Irmandades da Fala.
Xa na Quintana, onde continuaban a entrar manifestantes ben avanzados os actos finais, un grupo de rapaces e rapazas deron lectura ao poema “A fala”, reivindicando para si propios un futuro en galego, no que a nosa lingua teña plena presenza e plenos dereitos. A compañeira do poeta da Terra Chá, Saleta Goi (que non puido estar presente) enviou unha sentida mensaxe á que deu lectura Xurxo Souto, encargado de conducir o acto.
A seguir, a emoción enchía a Praza da Quintana coa actuación de Mini e Mero, con quen o público se animou a cantar e a bailar. A festa continuou coa música de A Tribo Incomprensíbel. Logo, tomou a palabra o voceiro de Queremos Galego e presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira. Finalmente, a voz de Manuel María lendo un dos seus poemas e o Himno Galego puñan o remate á mobilización.
Unha vida de compromiso
A CIG amosou a súa satisfacción polo feito de que a edición deste ano se lle dedique ao escritor lucense, que ademais de salientar pola súa extensa e valiosa obra literaria fíxoo pola súa militancia sindical, política, cultural e de defensa da lingua.
O seu compromiso co nacionalismo galego chegou a converterse en materia literaria e deixou pegada en moitas das súas composicións, de igual xeito que a súa concepción dialéctica da sociedade. Por exemplo, no libro “Poemas pra construír unha patria”, de 1977, aborda a importancia de contar con sindicatos de clase para defendérmonos da explotación capitalista e colonial.