Mes e medio sen retinografías no centro de saúde de Carballo

O profesional que realiza estas probas está de baixa e o Sergas non o substituíu

Carballo -

A CIG-Saúde denuncia que hai mes e medio que non se están a facer as Retinografías no Centro de Saúde de Carballo, porque a persoa que as viña realizando está de baixa sen que sexa substituída polo Sergas. Trátase dunha proba diagnóstica importante para ver o fondo de ollo dos/as pacientes. Este servizo préstase no Centro de Saúde de Carballo para as e os doentes de oito concellos (A Laracha, Cerceda, Coristanco, Ponteceso, Malpica, Cabana, Laxe e Carballo).

Porén, dende principios do marzo non se presta este servizo e cada semana están a ser chamadas todas as persoas que tiñan cita, indicándoselles que serán chamadas novamente cando o servizo sexa restituído. Ademais, tampouco se pode citar as/os doentes que chegan con volante do/a médico/a de cabeceira, a quen se lles di que pregunten máis adiante. E xa vai mes e medio, sen que desde a Xerencia da Área Sanitaria da Coruña se teña dado ningún paso para solucionar o problema.

Por iso, CIG-Saúde solicita da Xerencia a substitución inmediata do profesional que viña facendo as Retinografías no Centro de Saúde de Carballo, de xeito que se recupere o servizo para os/as pacientes destes oito concellos e se fagan todas as probas que foron anuladas durante este mes e medio.

Volver