Menos e peor emprego: de que van as reformas laborais?

Luis Salas Rodríguez -

Nos tempos que corren, tras a derrapaxe financeira de 2008 e a conseguinte paralización do comercio global causante dunha forte restrición externa para as nosas economías periféricas, a fórmula atopada para “reanimar” os mercados é explotar os traballadores ao máximo

En resposta a unha solicitude das principais centrais sindicais de Brasil, a Comisión Interamericana de Dereitos Humanos da OEA (Organización de Estados Americanos), convocou para o 23 de outubro próximo en Montevideo, Uruguai, unha audiencia pública sobre a reforma laboral promovida polo goberno de facto de Michel Temer e aprobada polo congreso brasileiro a mediados deste ano.

 Por máis que a OEA sexa unha instancia desacreditada á hora de tratar conflitos rexionais, e por máis que caiba depositar poucas esperanzas no seu accionar dada a súa complicidade tanto co golpe de estado brasileiro como cos factores de poder económico que o impulsaron -que son os mesmos que están tras esta reforma-, non se pode pasar por alto a importancia desta convocatoria. Non só polo que, en estrito sentido, concirne aos traballadores e traballadoras de Brasil; senón tamén porque a devandita reforma afecta aos traballadores e traballadoras do resto dos países da rexión.

 Considérese o seguinte dato: segundo a OIT (Organización Internacional do Traballo), durante 2016, uns 132 países enfrontaron “presións/discursos de necesidade de axuste fiscal” e 105 realizaron, en consecuencia, reformas laborais e aos seus sistemas de pensións. En todos estes casos os prexudicados foron os traballadores e traballadoras, que saíron das devanditas “reformas” con menos dereitos, estabilidade e ingresos.

 Unha das máis recentes e coñecidas foi a promovida en setembro pasado polo presidente francés Emmanuel Macron, no medio de violentas protestas dos sindicatos que abalaron París. Porén, desde o Estado español até Porto Rico, pasando por Colombia, México ou Grecia, con maior ou menor intensidade, ben pola vía de feito ou ben a de dereito, a mesma ofensiva contra os traballadores se veu impondo nos últimos anos.

 No que ten de fundamental, esta vaga de precarización laboral é a consecuencia a longo prazo da consolidación dun deseño institucional global que xa avanza cara á súa cuarta década, baseado en impulsar a competitividade e a produtividade das economías e as empresas, non mediante a promoción da innovación tecnolóxica, o combate contra os monopolios ou as malas prácticas corporativas, senón poñendo a competir aos traballadores entre eles a ver quen gaña menos ou queda máis precarizado.

 Isto explicouno moi ben nunha nota de 2015 para CELAG o economista arxentino Guillermo Oglietti: o deseño institucional da chamada “globalización” desencadeou unha competencia salarial desleal de carácter internacional. Co modelo de economías máis pechadas da posguerra, tanto os traballadores como as axencias reguladoras (ministerios do traballo, etc.) tiñan maior capacidade para establecer os salarios en niveis compatíbeis co interese común e a vontade democrática. Mesmo, se non había sindicatos, os traballadores influían sobre as decisións políticas a través do voto. E así foi como os pobos con frecuencia conseguiron que as axencias reguladoras representasen os intereses dos traballadores.

 Pero este deseño foi ferido de morte pola globalización neoliberal. O novo sistema permitiu que as empresas se despracen polo globo buscando reducir os seus custos, en especial os laborais. E conseguírono plenamente porque nin o poder sindical nin a capacidade regulatoria do Estado, puideron globalizarse da mesma forma.

 Así as cousas, como é sabido, baixo este esquema as empresas e capitais están hoxe habilitados para moverse por todo o mundo procurando fornecerse das materias primas e insumos máis baratos, de xeito que se un país conta cunha lexislación ou institucionalidade proteccionista en materia laboral, o sistema crea o incentivo para a competencia salarial desleal. En consecuencia, o goberno do devandito país tanto como os seus traballadores, quedan expostos á chantaxe dos coñecidos “investidores” (tanto locais como estranxeiros), que obrigan os primeiros a precarizar os segundos, e a súa vez, os segundos a aceptaren pasivamente a precarización, so pena de quedaren sen empregos e sen nada cando os capitais en cuestión marchen a outros país que si o fixo ou se neguen a vir ao seu mentres a reforma non se fagan.

 A competencia salarial desleal é análoga, neste sentido, ao que ocorre coas depreciacións e as chamadas guerras monetarias, a través das cales, baixo a mesma escusa de aumentar a competitividade, se forza á baixa o peso dos salarios na distribución de ingreso e os custos corporativos. Na medida en que un país o fai -é dicir, deprecia- o resto vese presionado a facer o mesmo para seguir sendo “competitivo”, desencadeándose unha espiral depreciadora da que os pratos rotos os pagan os cidadáns dos devanditos países.

 Así as cousas, no momento mesmo en que o congreso brasileiro aproba o proxecto precarizador de Temer, non só establece un cúmulo de dereitos e garantías que os traballadores e traballadoras de Brasil deben perder para “seguir a ser competitivos”, senón ademais unha nova vara de medir mediante a cal tanto eles como os seus pares rexionais e do mundo serán medidos. É dicir, se o custo que tiveron que pagar os traballadores e as traballadoras brasileiras para seguir sendo atractivos á explotación dos empresarios -que é o que no fondo significa “ser competitivos”- é perder o dereito á sindicación, ter que traballar xornadas de 12 horas, desprotexer o embarazo e a lactación, etc., entón os traballadores dos países veciños deben sacrificar máis dereitos aínda.

 Nos tempos que corren, tras a derrapaxe financeira de 2008 e a conseguinte paralización do comercio global causante dunha forte restrición externa para as nosas economías periféricas, a fórmula atopada para “reanimar” os mercados é explotar os traballadores ao máximo, apoiándose para iso no xa consolidado tras a globalización neoliberal de principios dos 80. O paradoxal deste asunto é que esta fórmula é exactamente a mesma que levou a economía global á situación en que está. Tras a primeira vaga neoliberal a comezos dos 80, houbo que recorrer ao endebedamento privado como mecanismo para non deprimir o consumo, que é a consecuencia lóxica da depresión salarial. Este modelo fíxose insostíbel en 2008, cando pinchou a burbulla das hipotecas. Agora, para esta segunda gran vaga, deséxase avanzar sobre o que deixou a primeira e o que se puido reconstruír durante a Década Gañada. Xa o goberno peruano anunciou que reformará a súa lexislación laboral para non se atrasar con respecto á brasileira. O propio anunciou Mauricio Macri en Arxentina, tamén o esixen os empresarios en Uruguai e mesmo en Venezuela, así como é de agardar que sexa o corazón do menú de condicións ofrecidas polo FMI (Fondo Monetario Internacional) ao goberno ecuatoriano tras a súa xuntanza convocada para novembro próximo. En determinado momento, todos os países da rexión estarán competindo entre si para ver quen remata mellor os seus traballadores e traballadoras ante o altar do neoliberalismo recargado do século XXI, apenas para descubrir enseguida que iso do axuste expansivo é unha quimera ortodoxa con resultados desastrosos na vida real.

 

[Artigo tirado do sitio web TeleSur, do 21 de outubro de 2017]

Volver