Melloras nas condicións laborais do persoal dos Servizos de Axuda no Fogar (SAF) e das residencias privadas

A CIG ten en marcha unha campaña de mobilizacións por todo o país
Nacional - 06 Mai 2022

A federación de Servizos da CIG está disposta a lograr a dignificación das condicións de traballo do persoal dos Servizos de Axuda no Fogar (SAF) e das residencias privadas, dous sectores esenciais, altamente feminizados e que rexistran uns elevados niveis de precariedade laboral.

No caso dos SAF, a central iniciou protestas para demandar o incremento inmediato dos salarios conforme ao IPC de 2021, que foi do 6,5%, ao tempo que anunciou que non continuará a participar na negociación do convenio mentres non se actualicen os soldos en todos os conceptos económicos do actual convenio. “Non se pode negociar un novo convenio cando non cumpren o actual; o 6,5% non se negocia, actualización salarial xa”.

Para o domingo 8 de maio ten convocada unha manifestación ás 11:30 na Alameda de Santiago.

Máis persoal nas residencias

De xeito paralelo, a CIG-Servizos ten en marcha unha campaña de mobilizacións para esixir máis persoal nas residencias privadas, que se cumpra coas ratios establecidas así como un incremento destas que permita mellorar tanto as condicións laborais das persoas traballadoras como a calidade asistencial que se presta ás usuarias.

A central fixo unha primeira concentración en Política Social da Coruña e o 9 de maio convoca unha protesta en Lugo para esixir as mesmas ratio de persoal nas residencias públicas e privadas, melloras laborais e que a Consellaría atenda a solicitude de reunión cursada pola CIG hai xa seis meses.