Medra o paro en Galiza malia asinarse máis de 100.000 contratos no mes de outubro

Descende en máis de dous puntos a porcentaxe de persoas desempregadas con dereito a algún tipo de prestación

Nacional -

Dos datos de paro rexistrado do mes de outubro tírase que aínda sendo a tendencia a mesma que en anos anteriores, o incremento do desemprego foi este ano máis acusado. Porén, malia medrar o paro continúan rexistrándose moitísimos contratos, o que dá unha idea da alta rotación e escasa duración dos mesmos. Aséntase así a precariedade e o empobrecemento da clase traballadora. Unha situación que se ve agravada polo descenso do número de persoas desempregadas que perciben algunha prestación a consecuencia, precisamente, da escasa duración dos contratos.

Como vén sendo habitual, no mes de outubro de cada ano continúa a  liña ascendente do paro rexistrado. O fin das contratación ligadas ao sector servizos é o que marca, en maior medida, esta tendencia, ano tras ano, neste mes. Outubro de 2018 non foi unha excepción e rematou con 169.744 persoas desempregadas, un 2,06% máis que no mes anterior. A nivel estatal o medre do desemprego foi inferior, un 1,63%. No ano 2017, se ben a tendencia foi a mesma neste mes, daquela o medre do desemprego, un 1%, fora menos acusado, o que evidencia un empeoramento da situación.

Peor Galiza en todos os sectores

O comportamento en Galiza tamén foi peor que na media estatal en todos os sectores, aínda que a tendencia é a mesma: no sector industrial no estado español aumentou o desemprego un 1%, mentres que en Galiza foi un 1,11%. Na construción descendeu un 1,36% de media no estado, e en Galiza o descenso foi do 0,98%. No sector servizos aumentou un 2,27% en Galiza, mentres que na media estatal o medre foi do 1,94.

No que atinxe a contratación, rexistráronse 103.848 novos contratos, maioritariamente  de carácter temporal, dos que tan só o 9,7% foi nalgunha das modalidade de indefinidos. Constátase así, un mes máis, que independentemente de que o paro suba ou baixe a contratación medra e, de feito, no mes anterior rexistráranse 96.818 contratos.

Tamén descende en máis de 2 puntos a porcentaxe de persoas con dereito a algunha prestación, no último mes tan so o 47,3% tiveron dereito as mesmas, en maior medida ao subsidio, fronte o 49,5% do mes anterior.

Derrogación das reformas laborais

A CIG responsabiliza desta situación ás reformas laborais que arrasaron cos dereitos da clase  traballadora que “precisa gobernos que teñan en conta os seus intereses e non os da oligarquía económica”, afirma o secretario confederal de Emprego, Fran Cartelle, para quen “a derrogación das contrarreformas laborais é unha necesidade urxente”.

Cartelle denuncia ademais a “incapacidade” do goberno de Núñez Feijoo “para arbitrar medidas que poidan paliar esta situación en Galiza, nin sobre o emprego nin sobre a protección social”.

O secretario confederal de Emprego denuncia que o emprego que se crea en Galiza é cada vez máis precario. Advirte do cada vez maior empobrecemento da clase traballadora galega e urxe “un cambio de rumbo nas políticas de emprego” que considera “vital para rematar co modelo de traballo precario construído polas contrarreformas laborais do PSOE e do PP”.

Volver