Medra a ofensiva contra as reformas laborais
A CIG vai intensificar a campaña iniciada meses atrás para esixir a derrogación das reformas laborais e para forzar unha saída galega xusta da crise. O Secretariado Confederal acordou a convocatoria de mobilizacións nas sete cidades o xoves 20 de maio para denunciar que as normativas laborais aprobadas polos Gobernos do PP e do PSOE están a ser utilizadas pola patronal para impoñer ERE e ERTE de xeito indiscriminado. Co agravante de que os ERTE que facilita a última reforma laboral, e que están a impoñerse coa aplicación dos acordos do diálogo social nos chamados Acordos dos ERTE, non protexen a clase traballadora, tal e como a central leva denunciando dende hai un ano.
A isto hai que sumar que a reforma fiscal do Goberno Aznar que hoxe segue en vigor está a provocar que moitos sectores da clase traballadora sexan os que máis impostos pagan ao ter dous pagadores. “En consecuencia, coa declaración da renda deste ano, como xa alertamos que ía acontecer, pagan máis a Facenda os que menos ingresos teñen; en definitiva, cobramos menos salario e pagamos máis impostos”, tal e como sinalou o secretario xeral da CIG durante a súa intervención ao remate da manifestación central do Primeiro de Maio, celebrada en Vigo.
Por estas e outras cuestións, Paulo Carril amosouse moi crítico co Goberno de PSOE-Unidas Podemos, ao que acusou de actuar ao ditado do neoliberalismo e das directrices da UE, “por moito que se disfracen con gran despregamento de centralismo madrileño e chamadas á lacra do diálogo social”. E censurou que a “permanente propaganda” sobre a derrogación das reformas contrasta cunha vixencia que cada día “tortura a máis traballadores/as e permite que sigan as facilidades á patronal para ERE ou ERTE á carta”.
Cando ademais imos camiño dun empeoramento da crise derivada da pandemia con novos despidos e dunha maior caída dos salarios, rendas e prestacións. “É imperdoábel que non haxa iniciativas políticas máis atrevidas no Congreso dos Deputados/as para derrogalas, cando se anuncian novas reformas, duras e severas medidas que esixe a UE para acceder aos fondos europeos: recortes nas pensións públicas, privatizacións de servizos públicos, reforma fiscal para máis impostos aos pobres e menos aos ricos”.
Todo o poder para a patronal
En consecuencia, a credibilidade do Goberno pasa por derrogar as reformas antes de que a crise siga avanzando, “porque o paso do tempo fai que aumente a ameaza dos despidos, xa que lle dan poder total á patronal para que de maneira unilateral decida o futuro de centos de traballadores/as”.
A CIG leva meses mobilizándose e seguirá a facelo para evitar que a clase traballadora pague unha vez máis a crise, e achegou unha serie de propostas para unha saída galega xusta, con medidas como un verdadeiro Plan de Recuperación Económica, Industrialización, Creación de Emprego, Dereitos e Servizos Públicos. Propostas que urxen a unha intervención pública na economía, no sistema financeiro, na industria e na protección social, concentrando todos os recursos públicos nun desenvolvemento económico e social xusto que garanta o dereito a poder vivir e traballar dignamente na nosa terra.
“E facemos estas propostas coa lexitimidade que nos dá ser a primeira forza sindical en Galiza e estar nas rúas e nos centros de traballo todos os días, loita a loita, confrontando esta situación e dando alternativas”. Finalmente, fixo fincapé en que no momento histórico que vivimos “a mobilización, a solidariedade e a unidade de clase, a combatividade, a loita obreira e a mobilización social son o camiño para conquistar un futuro digno como clase traballadora e como pobo galego”.