Masiva manifestación e folga no ensino público pola recuperación dos dereitos

Nacional - 24 Out 2023

Unha masiva manifestación percorreu este martes as rúas de Compostela, desde a Praza de Cervantes até a consellaría de Educación, coincidindo coa xornada de folga convocada pola CIG-Ensino, STEG e CSIF en demanda da recuperación dos dereitos do profesorado galego.

Así o explicou o secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, ao inicio da marcha, quen cualificou a folga de maioritaria, “masiva nos centros de secundaria e con menor incidencia nos centros de Primaria”. Unha xornada de folga e de mobilización que, subliñou, “está desbordando as nosas expectativas e está demostrando que existe un profundo malestar entre o profesorado galego”, polos efectos dun acordo que implica “renunciar as demandas que durante 14 anos, no corpo de mestres e 12 anos, nas distintas etapas educativas, vimos defendendo as organizacións sindicais que hoxe convocamos”.

Neste sentido, explicou que ese malestar xa o vén arrastrando o profesorado desde hai anos, mais que agora, tras da sinatura deste acordo, é maior porque “non se dá resposta ás demandas que defendemos incansablemente: que haxa unha recuperación do noso horario lectivo, que foi este goberno foi quen nos impuxo a súa ampliación; que haxa unha redución das ratios e que se poida constatar, xa a principios do curso que vén e para todas as etapas educativas, sen exclusión”.

Calendario do acordo “absolutamente impresentable”

Bermello cualificou o calendario que contempla o acordo de “absolutamente impresentable”, porque leva a dentro de 9 anos a redución en Secundaria e porque o que fai é acomodar a ratio á propia caída demográfica. E demandou a urxente adopción de medidas, que considerou “absolutamente necesarias”, para a redución da burocracia nos centros educativos.

Por iso, o secretario nacional da CIG-Ensino lembrou que, diante da actual situación, o profesorado está farto. “Canso de soportar recortes e sobrecargas de traballo”. De aí que valorara que, no actual momento, “é absolutamente necesario rebelarse contra a acción dun goberno que, non só non dá resposta ao que demandamos, senón que quere condenarnos a esta situación durante moitos anos máis”.

Respecto desta cuestión, fixo especial fincapé na responsabilidade das organizacións convocantes da folga e desta gran manifestación por atender as necesidades do profesorado e o seu dereito e necesidade de “rebelarse contra esa imposición”.

Unha participación media do 60%

Atendendo aos datos que foi conseguindo a CIG-Ensino, a folga foi secundada, de media, por un 60% do profesorado: arredor dun 70% en Secundaria e un 40% en Infantil e Primaria. En todo caso, Suso Bermello denunciou que a consellaría de Educación “deu instrucións a todas as direccións dos centros para que non deran ningún dato posterior ás nove e media da mañá”, co obxectivo de que as porcentaxes de participación pareceran “irrisorias”.

Sobre isto lembrou que “as nove e media da mañá, en Secundaria, aínda non se sabe quen vai estar”. Con todo, a CIG-Ensino puido constatar  ese seguimento “moi elevado en secundaria e menos en Infantil e Primaria”.

Reverter o acordo

Para o secretario nacional da CIG-Ensino, aínda hai marxe para reverter o acordo e iso é o que entende que debería facer a consellaría diante do clamor do profesorado esta mañá: revertelo suprimindo a división que establece entre o profesorado das distintas etapas educativas.

Suso Bermello apostou, ademais, por manter a unidade de acción de todas aquelas forzas e de todo aquel profesorado que entende que “o que se está facendo é impresentable” e adiantou que, desde logo, “pola CIG non vai quedar” que haxa máis mobilizacións. En todo caso entendeu que o primeiro é analizar o resultado da folga e da manifestación, entre os sindicatos convocantes e, a partir de aí, tomar decisións que leven ao profesorado a recuperar os seus dereitos.