Margarida Corral acusa a Xunta de falar de igualdade mentres permite o acoso laboral a mulleres

A secretaria das Mulleres da CIG chama o movemento feminista a convocar unha folga de mulleres o vindeiro 8 de Marzo
Nacional - 08 Mar 2017

A CIG conmemorou este 8 de Marzo, Día Internacional da Muller Traballadora, cunha mobilización en solidariedade con Nélida Pisco, condutora de Autobuses de Calo, que leva máis de oito anos padecendo acoso laboral por parte da empresa. A manifestación rematou cunha concentración diante da Secretaría Xeral de Igualdade, á que a secretaria das Mulleres da CIG, Margarida Corral, acusou, xunto co resto da Xunta de Galiza, de permitir que esta empresa concesionaria do transporte metropolitano na área de Compostela, continúe vulnerando os dereitos das mulleres.

A xornada deste 8 de Marzo comezaba co despregue dunha pancarta no tellado do edificio da CIG, en Compostela, contra o acoso laboral e o machismo en Autobuses de Calo e en solidariedade con Nélida Pisco. E continuaba cunha manifestación que partiu, contra as once menos cuarto do estadio de San Lázaro, para rematar cunha concentración diante da consellaría de Traballo, onde está a Secretaría Xeral de Igualdade.

Moobing, psicoterrorismo, hostigamento e acoso laboral

Megáfono en man, Margarida Corral, acusou á administración de manter a concesión do transporte a unha empresa que vén sometendo a Neli a unha situación que foi cualificaba pola propia Inspección de Traballo, en xuño de 2012, como “moobing, psicoterrorismo, hostigamento ou acoso laboral”, polo que levantou acta a HEDEGASA (Autobuses de Calo) por unha infracción laboral moi grave.

Unha actuación malia a que, lembrou, a Xunta de Galiza eludiu toda responsabilidade sen preocuparse, no máis mínimo, da situación desta traballadora, mentres celebra o 8 de Marzo e fala de políticas de igualdade que non practica.

A propia Nélida Pisco colleu o megáfono e, alén de agradecer o apoio das presentes e de toda a central sindical, chamou a “loitar”. Recoñeceu que “é duro”, que “unha séntese un pouco débil”. Pero lembrou que ten dúas fillas que logo serán mulleres e que, por elas, para que non teñan que pasar por unha situación semellante no futuro “vale a pena levantarse pola mañá e loitar”.

Ademais, fixo un chamamento a todas as compañeiras presentes, ás que pediu que “non vos engurredes, porque así se conseguen as cousas”, dixo, e anunciou a HEDEGASA, alto e claro que “eu non vou abandonar a miña loita”.

Mulleres traballadoras

Tamén Corral chamou a loitar e a manter o carácter reivindicativo do 8 de Marzo. Lembrou que foi Clara Zetnik quen proclamou, en 1910, esta data como o Día Internacional da Muller Traballadora en homenaxe ás revoltas de moitas mulleres traballadoras en distintos puntos do mundo exixindo condicións laborais dignas, un horario laboral tamén digno e erradicar as discriminacións que padecían.

“Varios séculos despois aquí estamos reivindicando os nosos dereitos”, asegurou, para proclamar, acto seguido, que “as mulleres da CIG non renunciamos ao adxectivo de ‘traballadoras’”.

A este respecto, denunciou a “banalización” desta data e “a utilización mercantilista que se fai dela”. Denunciou “o paternalismo dos homes que hoxe nos felicitan e agasallan como se fose unha festa” e reafirmou o compromiso da CIG de mantela como “un día de loita, de combate e de reivindicación”.

Corral chamou a enfrontarse ao patriarcado porque só dese xeito “estaremos en condicións de loitar en pé de igualdade”. Ademais denunciou a falsidade dos datos que se utilizan para aparentar que se reduciron as diferenzas entre homes e mulleres. “O PP pretende facer campaña cuns datos que o que amosan é a precaridade da clase traballadora galega, porque por primeira vez nos estamos equiparando así”.

Explicou que efectivamente houbo unha pequena redución da fenda salarial, “pero porque os homes baixaron as súas condicións salariais e acabamos igualándonos por abaixo. Esa non é a igualdade que nos exiximos. Non pretendiamos que os compañeiros perderan dereitos, queriamos ter as mesmas garantías”.

Apoio da CIG ao paro internacional das mulleres

A secretaria das Mulleres da CIG manifestou o apoio da central sindical ao paro internacional que están facendo nesta xornada mulleres en distintos puntos do mundo. Subliñou que hoxe non houbo unha convocatoria de folga en Galiza e que “quen rexistrou un paro parcial foi unha organización sindical no estado español”.

Explicou que “nós non o fixemos porque unha cousa é un paro simbólico e outra cousa unha folga de mulleres”, que considerou que “vai máis alá do paro que puidemos facer hoxe aquí as traballadoras”.

Sinalou que unha folga de mulleres “ten que ser unha folga de coidados, unha folga de consumos e iso non se fai polas redes sociais 24 horas antes. É un traballo que se ten que facer entre a clase traballadora, entre as traballadoras galegas, que teñen que estar informadas dos seus dereitos”. Pero considerou que “temos que ir máis alá, temos que ir ás asociacións de veciñas, ás asociacións culturais, traballar man a man coas organizacións feministas”.

Por iso lembrou que o 27 de febreiro a CIG comunicou a todas as organizacións e a todas as mulleres a súa intención de traballar de cara a materializar esa folga. “Entendemos que a organización e o combate é o único camiño para poder lograr un cambio real na sociedade. Por iso facemos un chamamento a  traballar de cara a convocar o próximo 8 de marzo unha folga xeral en Galiza de mulleres”.

O acto rematou coa lectura do Manifesto #Nósparamos e co canto do himno galego.

MANIFESTO

 #NósParamos

 #ParoInternacionalDeMulleres

Este 8 de marzo a terra treme. As mulleres do mundo unímonos e organizamos unha medida de forza e un berro común: Paro Internacional de Mulleres. Nós Paramos. Organizámonos e atopámonos entre nós. Pomos en práctica o mundo no que queremos vivir.

#NósParamos

Paramos para denunciar:

Que o capital explota as nosas economías informais, precarias e intermitentes.

Que os Estados nacionais e o mercado explótannos cando nos endebedan.

Que os Estados criminalizan os nosos movementos migratorios.

Que cobramos menos que os homes

Que non se recoñece que as tarefas domésticas e de coidado son traballo que non se remunera e suma, polo menos, tres horas máis ás nosas xornadas laborais.

Que estas violencias económicas aumentan a nosa vulnerabilidade fronte á violencia machista, cuxo extremo máis aberrante son os feminicidios.

Paramos para reclamar o dereito ao aborto libre e para que non se obrigue a ningunha  nena á maternidade.

Paramos para facer visible que mentres as tarefas de coidado non sexan unha responsabilidade de toda a sociedade vémonos obrigadas a reproducir a explotación clasista e colonial entre mulleres. Para saír a traballar  dependemos doutras  mulleres. Para migrar dependemos doutras  mulleres.

Paramos para valorizar o traballo invisibilizado que facemos, que constrúe rede, apoio e estratexias vitais en contextos difíciles e de crises.

#NonEstamosTodas

Paramos porque nos faltan as vítimas de feminicidio, voces que se apagan violentamente a un ritmo arrepiante.

Fáltannos as lesbianas e trans asasinadas por crimes  de odio.

Fáltannos as presas políticas, as perseguidas, as enxuízadas ou cestionadaspor usar a nosa lingua, por defender a nosa cultura, por reivindicar o dereito do pobo galego á autodeterminación e  á independencia, por defender os seus dereitos laborais, castigadas e acosadas tras esixir compatibilizalos coas súas responsabilidades familiares, ou por rexeitar e denunciar situacións de acoso sexual.

Fáltannos as mulleres encarceradas por delitos menores que criminalizan formas de supervivencia, mentresa banca, a corrupción política ou os crimes das corporacións e o narcotráfico quedan impunes porque benefician ao capital.

Fáltannos as mortas e as presas por abortos inseguros.

Fáltannos as desaparecidas.

Fronte aos  fogares que se converten en infernos, organizámonos para defendernos e coidarnos entre nós.

Fronte  ao crime machista e a súa pedagoxía da crueldade, fronte ao intento dos medios de comunicación de vitimizarnos e aterrorizarnos, facemos do duelo individual consolo colectivo, e da rabia loita compartida. Fronte á  crueldade, máis feminismo.

#NósOrganizámonos

Apropiámonos da ferramenta do paro porque as nosas demandas son urxentes. Facemos do paro de mulleres unha medida ampla e actualizada, capaz de acubillar ás ocupadas e desocupadas, ás asalariadas e ás que cobran subsidios, ás contapropistas e ás estudantes, porque todas somos traballadoras. Nós paramos.

Organizámonos contra o confinamento doméstico, contra a maternidade obrigatoria e contra a competencia entre mulleres, todas formas impulsadas polo mercado e o modelo de familia patriarcal.

Organizámonos en todas partes: nas casas, nas rúas, nos traballos, nas escolas, nas feiras, nos barrios. A forza do noso movemento está nos lazos que creamos entre nós.

Organizámonos para cambialo todo.

#AInternacionalFeminista

Tecemos un novo internacionalismo. Desde as situacións concretas nas que estamos interpretamos a conxuntura.

Vemos que fronte  ao xiro neo-conservador, en Galiza e no mundo, o movemento de mulleres emerxe como potencia de alternativa.

Que a nova “caza de bruxas” que agora persegue o que nomea como “ideoloxía de xénero” tenta xustamente combater e neutralizar a nosa forza e crebar a nosa vontade.

Fronte aos  refugallos múltiples, as expropiacións, e as guerras contemporáneas que teñen á terra e ao corpo das mulleres como territorios predilectos de conquista, nós acorpámonospolítica e espiritualmente.

#MóvenosODesexo

Porque #VivasECeibesQuerémonos arriscámonos en alianzas insólitas.

Porque apropiámonos do tempo e construímos dispoñibilidade para nós, facemos do estar xuntas alivio e conversación entre aliadas, das asembleas manifestacións, das manifestacións unha festa, da festa un futuro común.

Porque #EstamosParaNós, este 8 de marzo é o primeiro día da nosa nova vida.

Porque #MóvenosODesexo, 2017 é o tempo da nosa revolución.

#NinUnhaMenos#QuerémonosVivas