Marga Corral: “Ás galegas sóbrannos razóns para ir á folga este 8 de marzo”

A fenda salarial foi do 22,3% no último ano, mentres que a das pensións foi do 36,8%
Nacional - 20 Feb 2018

» Accede aquí ao especial con toda a información sobre o 8 de Marzo

As mulleres cobramos menos ca un home; temos máis contratos a tempo parcial; máis dificultades para promocionar; pensións máis cativas; somos quen solicitamos excedencias; seguimos tendo unha dupla ou tripla xornada e impídesenos conciliar. Ao tempo, medra o número de mulleres con ingresos inferiores ao SMI e miles de mozas teñen que emigrar para evitar o desemprego ou a precariedade. Por estas e outras moitas razóns, a secretaria das mulleres da CIG, Margarida Corral, fixo un chamamento a todas as galegas a participar nos paros e mobilizacións convocadas con motivo do Paro Internacional de Mulleres convocado para o vindeiro 8 de marzo.

Así o explicou na rolda de prensa celebrada este martes, na que ademais de presentar a campaña arredor da que a CIG conmemora este ano o Día Internacional da Muller Traballadora e as mobilizacións que, con este motivo, están convocadas, explicou que “paramos porque non podemos seguir aturando tanta discriminación e violencia. Porque hai que concienciar do traballo que fan as mulleres, de que o noso papel na sociedade non é subsidiario”.

PAROS POR QUENDAS DE TRABALLO

* de 00h-02h da madrugada

* de 12h a 14h

* de 19:30h a 21:30h

Paros en todas as quendas

Corral lembrou que a CIG xa rexistrou, o pasado 29 de xaneiro, a convocatoria de paros parciais en cada unha das quendas: de 00:00 a 2:00 horas da madrugada; de 12:00 a 14:00 horas e de 19:30 a 21:30 horas para que todas as mulleres poidan sumarse á folga convocada no traballado asalariado, mais tamén á folga de consumo, a de brazos cruzados nas tarefas de coidado, ao boicot ás empresas con publicidade ou reclamo sexista e a mobilizarse nas múltiples convocatorias previstas ao longo e ancho do país.

A secretaria das Mulleres da CIG reiterou ademais o chamamento a que, “nun momento dado do día, as mulleres deixemos o que estamos facendo e paremos para que entendan que non imos permitir máis ataques aos nosos dereitos” e fixo extensivo ese chamamento as estudantes, as desempregadas, as asalariadas, as funcionarias, as fixas, as eventuais… “para lembrar a esta sociedade que somos a metade da humanidade e que a metade nos pertence. Paramos para exixir xustiza”.

Mobilizacións

A secretaria das Mulleres da CIG fixo tamén un chamamento a participar activamente na xornada de loita acudindo ás concentracións convocadas pola central sindical en máis de 30 cidades e vilas de Galiza e na manifestación convocada pola Asemblea @Galegas8M para o vindeiro domingo día 4 de marzo en Vigo, así como nos actos locais previstos polo movemento feminista galego no propio 8 de marzo.

Fenda salarial do 22,3% en Galiza

E é que os datos son teimudos e, tal e como explicou Natividade López Gromaz, responsábel do Gabinete de Economía da CIG, na presentación do Informe sobre a situación laboral, que se adxunta ao pé, das mulleres en Galiza en 2017, a fenda salarial entre homes e mulleres situouse o ano pasado no 22,3%, cun incremento de dúas décimas respecto de 2016.

Unha fenda que López Gromaz atribuíu ao “trato privilexiado que o mercado laboral ofrece aos homes” e á “feminización dos empregos máis precarios  e con salarios máis baixos”, aos complementos discrecionais, ao acceso minoritario de mulleres a postos de alta responsabilidade ou a maior presenza dos contratos a tempo parcial nas mulleres.

Esa discriminación salarial é ademais “xeneralizada en todas as ramas de actividade”, denunciou e, de media, supón que unha muller ingresa 4.513 euros menos ca un home.

López Gromaz subliñou ademais que, no seu conxunto, o 20.7% das mulleres asalariadas percibiron uns ingresos inferiores á metade do SMI, menos de 1.804 euros ao ano e salientou que o grupo de idade entre o que máis medrou a ocupación foi no das mulleres de máis de 45 anos, que pasaron do 36,3% ao 46,8% desde 2009.

O 21,8% das mulleres traballan a xornada parcial fronte o 6% no caso dos homes

No ano 2009 o número de traballadoras a tempo parcial representaba o 18,2% do total, unha porcentaxe que ascendeu en 2017 ao 21,8%. Porén, no caso dos homes, só o 6% tivo este tipo de xornada.

Con todo, se isto é grave, máis o é que o 60% das traballadoras con este tipo de xornada alegaran, segundo se recolle no Informe, “non atopar outro traballo a xornada completa”, ou o que é o mesmo, non accederon a este tipo de contratos por gusto senón porque non lles quedou outra alternativa.

A responsábel do gabinete de economía sinalou tamén que a taxa de temporalidade feminina se situou no 28,7% no ano 2017, mentres que entre os homes foi do 25,2% e asegurou que “cada muller con contrato temporal asinou unha media de 3,8 contratos” durante o pasado ano.

Ademais o 35% dos contratos rexistrado a nome de mulleres duraron menos dunha semana o que é indicativo da elevadísima rotación.

Apenas o 47% das desempregadas cobran algunha prestación

Un total de 98.300 mulleres permanecen paradas no ano 2017, e o 40% destas leva máis de 2 anos nesa situación. Isto provocou, segundo explicou López Gromaz, que apenas o 47% das mulleres paradas percibira algún tipo de prestación.

A fenda das pensións é do 36,8%%

Esta acumulación de precariedade ao longo da vida laboral das mulleres é a que provocou, segundo Gromaz, que á hora da xubilación a fenda salarial se traduza nunha fenda nas das pensións aínda maior. A diferenza media entre as pensións das mulleres e as dos homes foi de 352,58 euros no ano 2016, último do que se teñen datos, o que implica unha fenda do 36,8%. No ano 2008 a fenda das pensión era de 35,4 puntos. A maior fenda xérana as pensión de xubilación (37,9%), 394,65 euros menos brutos ao mes.

MOBILIZACIÓNS

PAROS POR QUENDAS DE TRABALLO

de 00h-02h da madrugada

de 12h a 14h

de 19:30h a 21:30h

UNIÓN COMARCAL DE VIGO

VIGO: 12:30h Na farola de Urzáiz

VIGO: 12:30h Na estrada Clara Campoamor (na rotonda de aceso ao hospital Álvaro Cunqueiro)

BUEU: 12:30h Diante do Concello (Rúa Eduardo Vicenti, 8)

CANGAS: 12:30h Diante do Concello (Avda. Castelao, 2)

MOAÑA: 12:30h Diante do Concello (Rúa As Barxas, 2)

TOMIÑO: 12:00h Diante do Concello (Praza do Seixo)

TUI: 12:30h No Outlet

O PORRIÑO: 12:30h no IES Ribeira do Louro (Torneiros)

UNIÓN COMARCAL DA CORUÑA

A CORUÑA: 12:00h Na rotonda do CHUAC

ARTEIXO: 12:30h Nas portas do Concello

BETANZOS: 12:30h Nas portas do Concello

CARBALLO: 12:30h Nas portas do Concello

CEE: 12:30h Praza 8 de marzo

UNIÓN COMARCAL DE COMPOSTELA

* 12:30h no Centro Comercial As Cancelas

* 12:30h na Praza de Galiza

* 12:30h diante do Hospital Clínico

* 12:30h diante da Xunta de Galiza en San Caetano

RIBEIRA: 12:00h diante do Hospital do Barbanza

 * 20:00h Praza do Concello

UNIÓN COMARCAL DE FERROL

* 12:30h Praza de Amada García (Edificio da Xunta)

* 12:30h Hospital Arquitecto Marcide

AS PONTES: 12:30h Praza do Concello

UNIÓN COMARCAL DE LUGO

* 12:30h Diante do edificio administrativo da Xunta de Galiza

MONFORTE: 20:00h Praza de España

A MARIÑA / VIVEIRO / BURELA / RIBADEO : 12:30h Diante dos Concellos

UNIÓN COMARCAL DE OURENSE

* 12:30h Praza Maior

O BARCO DE VALDEORRAS: 20:00h Praza do Concello

VERÍN: 20:00h Praza do Concello

UNIÓN COMARCAL DE PONTEVEDRA

* 12:30h na Praza da Peregrina

* 12:00h Hospital de Montecelo

POLÍGONO DO CAMPIÑO: 12:30h e 20:00h na rotonda de acceso

VILAGARCÍA/O GROVE/CAMBADOS: 12:30h Diante dos concellos

PORTONOVO: 12:30h Diante da Piscina Municipal

A ESTRADA: 12:30h Diante do Concello

LALÍN: 12:30 Praza da Igrexa

PONTECESURES: 12:30h diante do Concello

OUTRAS MOBILIZACIÓNS DO MOVEMENTO FEMINISTA GALEGO O 8M

VIGO: 20:00h MANIFESTACIÓN desde a praza de Portugal. Convoca: Plataforma Galegas8M

COMPOSTELA: 20:00h MANIFESTACIÓN dende a Praza 8 de marzo. Convocan: PFG e Galegas8M

FERROL: 20:00h na Praza Amada García. Convoca Marcha Mundial das Mulleres

A CORUÑA: 19:30h na Praza de Pontevedra. Convoca: Galegas8M (Grupo Local)

LUGO:  20:00h. RUADA dende o Multiusos da Xunta. Convocan: PF. Lugo e Translurpies

OURENSE: 20:00h MANIFESTACIÓN desde a Subdelegación do Goberno. Convoca: Galegas8M.

ALLARIZ: 12:30H Praza do Concello

CEE: 20:00h. CONCENTRACIÓN na Praza 8 de Marzo. Convoca: Asociación Feminista Buserana