Mantense a convocatoria de folga no servizo de Urxencias do Hospital Clínico

Xerencia do CHUS oferta incremento de persoal “moi lonxe” do necesario
Compostela - 09 Nov 2018

O Comité de folga do servizo de Urxencias do CHUS mantivo este xoves unha xuntanza coa Xerencia. Unha primeira toma de contacto na que a dirección do centro hospitalario presentou unha proposta de incremento de persoal que, segundo a comisión de centro “está moi lonxe das demandas feitas polos traballadores/as do Servizo e pendente de concreción no plan funcional”. Por iso manteñen a convocatoria de folga indefinida desde as 8:00 horas do vindeiro luns, coas reivindicacións iniciais que “consideramos imprescindíbeis”.

O comité de folga asegura que a Xerencia do CHUS recoñeceu que o plan funcional implantado até o de agora non é viable, debido a escaseza de persoal, e que, por iso, se comprometeron a elaborar un novo plan, para o cal facilitarían a participación dos/as traballadores/as.

Para o comité de folga é importante chegar a un acordo que dote orzamentariamente de cadro de persoal suficiente para todas as categorías (médicos, enfermeiras, TCAEs e celadores) e que permita dar unha asistencia sanitaria de calidade que evite o colapso que está a sufrir o servizo de urxencias, dotando de protocolos de traballo axeitados para que as/os doentes acumulados neste servizo, sexan ingresados á maior brevidade posíbel. Un protocolo que asegure que as/os doentes que están agardando para ser vistos por un/unha especialista sexan atendidos no menor tempo posíbel.

Solicitude de xuntanza cos grupos parlamentarios

A Comisión de Centro xa fixo entrega dunha solicitude de reunión cos grupos parlamentarios con representación no Parlamento de Galicia (PP, PSOE, EN MAREA e BNG) para trasladarlles a situación que se está vivir no servizo de urxencias do CHUS e intentar buscar unha solución.

O Comité de folga da Comisión de Centro convida a todos os traballadores e traballadoras a que participen activamente na folga indefinida convocada para o luns dende ás 08:00 ata o xoves ás 08:00 hs.